Numeracion Curtis logos

O CIM Curtis estrea un servizo pioneiro de terapia con cans na atención de menores expostos a violencia de xénero

  • O obxectivo é axudar aos pequenos a xestionar as súas emocións e mellorar habilidades e destrezas afectadas polas situacións que viviron.
  • O Centro de Información ás Mulleres elabora xa o IV Plan de Igualdade que aplicará o Concello curtiense de maneira transversal en todos os departamentos.

fotocimterapia 2O Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Curtis estreou este mes un servizo de terapia asistida con animais para a atención de menores expostos a situacións de violencia de xénero. Con esta nova asistencia, na que se utilizan cans adestrados, quérese mellorar a calidade de vida dos pequenos a través da súa recuperación psico-social axudándolles a xestionar as súas propias emocións e buscando un equilibrio ocupacional que repercuta directamente sobre a súa saúde.

O obxectivo do CIM de Curtis, centro que dá tamén servizo aos municipios de Sobrado e Vilasantar, é axudar a que os menores superen as situacións de violencia de xénero que viviron a través dun proceso de aceptación persoal, polo que presta unha atención especial aos aspectos máis afectivos e emocionais que lles permite conseguir unha comunicación eficaz e fomentar a súa propia autoestima.

Nuria Sueiro, edil de Igualdade, considera de vital importancia que os menores poidan mellorar habilidades e destrezas, "que se viron afectadas pola situación que sufriron".

Natalia Vázquez, directora do CIM Curtis, sostén que "o uso de cans adestrados neste tipo de psicoterapias axuda neste proceso xa que os menores interactúan con eles, animais que non xulgan e cos que establecen un clima de confianza e de respecto, fundamental para que traballen as súas habilidades sociais e emocionais".

IV Plan de Igualdade

O CIM Curtis incluíu esta nova terapia, así como o servizo de terapia ocupacional coas mulleres vítimas da violencia de xénero, entre as súas accións de traballo, así como a investigación da violencia de xénero no rural para axudar a enfocar mellor as posibles solucións, máis acordes coas características específicas das mulleres que viven nestas contornas.

A área de Igualdade do Concello curtiense traballa na elaboración do que será xa o IV Plan de Igualdade que se aplicará, como os anteriores, de maneira transversal en todos os departamentos.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.