Numeracion Curtis logos

Novo impulso ao atletismo ao sumar á Carreira Popular a primeira proba solidaria contra o cancro Curtis-Teixeiro

  • A V Carreira Popular celebrarase o 5 de maio e promocionarase especialmente entre os mozos e adolescentes para o fomento de hábitos de vida saudable.
  • A segunda proba, que será en xullo, consistirá nun circuíto de 10 quilómetros que visibilice a unión dos dous pobos pola loita contra o cancro.

v carrera popularO Concello curtiense dará un novo impulso ao deporte e ao fomento de hábitos de vida saudable entre a poboación ao multiplicar a súa aposta polo atletismo co desenvolvemento de dúas probas, a V edición da súa Carreira Popular-5K en Curtis, que este ano se quere promocionar especialmente entre os mozos, e a primeira edición da carreira solidaria de axuda na loita contra o cancro que percorrerá os pobos de Curtis e Teixeiro.

A primeira destas probas, a Carreira Popular, que se inclúe no V Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña, organizarase o sábado 5 de maio. A quinta edición é aberta á participación de federados e non federados así como a todas as idades, pero a área de Deportes quere incentivar especialmente a participación de nenos e adolescentes para que empecen desde pequenos a realizar actividade física de forma habitual e que esta forme parte do seu estilo de vida. Por iso, o Concello anima especialmente a todos os alumnos do CEIP de Curtis e Teixeiro e do IES de Curtis a que se inscriban.

O prazo para inscribirse na competición, que transcorrerá por un circuíto urbano de 5 quilómetros no pobo de Curtis con saída desde o pavillón polideportivo, finalizará o 2 de maio.

Proba solidaria

A gran novidade este ano será, con todo, a preparación da que será a primeira carreira que cruce e integre os pobos de Curtis e Teixeiro, un compromiso adquirido polo Goberno local, e que terá un marcado carácter solidario porque se organizará como símbolo de esforzo e unidade dos dous pobos na importante loita contra o cancro.

A carreira, cun percorrido de 10 quilómetros, celebrarase en xullo e contará coa colaboración da Asociación Española da Loita contra o Cancro, cuxo directiva no concello é moi activa. Na mesma poderán participar tanto corredores como persoas que se animen a realizar o itinerario andando.

O Concello tamén escenificará cada ano esta unidade dos veciños e veciñas do municipio realizando a saída da proba de maneira rotatoria entre os dous pobos.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.