Numeracion Curtis logos

Máxima preocupación do Goberno local pola onda de roubos nos campos de fútbol de Curtis e Teixeiro

  • O CCD curtiense denunciou un novo asalto onte, no que levaron camisetas do equipo de xuvenís, a lavadora e refrescos, perdas valoradas en 3.000 euros.

robo campo2Unha semana despois do último roubo no campo de fútbol de Teixeiro en O Carregal, onte volveulle a tocar ao campo 'Lucas Vázquez' de Curtis, onde segundo a directiva do Centro Cultural e Deportivo curtiense, uns descoñecidos forzaron as portas e as fechaduras dos vestiarios e o almacén e levaron as camisetas do equipo de xuvenís, a lavadora e refrescos, perdas que a directiva do club valora en 3.000 euros.

O Concello de Curtis volve dar unha vez máis a voz de alarma ante esta onda de asaltos continuados e cada vez menos espaciados no tempo nos campos de fútbol, a pesar de que a Garda Civil incrementou a vixilancia. De feito, a noite pasada patrullou en varias ocasións polo campo de fútbol, en alerta polos últimos roubos.

O Goberno local, que volve condenar de maneira enérxica estes actos, lamenta os graves prexuízos económicos que causan aos clubs. No caso de Curtis, aos 3.000 euros deste último roubo, súmanse os 3.750 euros dos dous roubos anteriores, denunciados o mes pasado. A semana pasada tamén se avisou da entrada no campo do SyC Teixeiro, con perdas que ascenderon a 2.000 euros entre a mercadoría subtraída e as diversas desfeitas provocadas en portas, marcos e fechaduras.

Nos dous últimos anos, xa foron máis dunha ducia os incidentes similares que sufriron as instalacións deportivas dos dous clubs.

Desde a administración local tamén se solicita a colaboración dos veciños e veciñas para que este tipo de actuacións non se volvan a repetir "porque están desanimando ás directivas dos clubs e xogadores xusto, ademais, nun momento en que tanto o Curtis como o Teixeiro están en fase de ascenso", sostén o alcalde Javier Caínzos.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.