Numeracion Curtis logos

O CIM Curtis activa coa Fundación Mujeres un Servizo de Apoio para mellorar a calidade de vida das persoas coidadoras

  • O Concello presentará o día 23 esta iniciativa, que desenvolverá nos vindeiros meses, cunha charla dunha psicóloga e técnica de intervención social.

logoCIMO concellaría de Igualdade do Concello de Curtis porá en marcha un Servizo de Apoio Integral a Coidadoras (SAIC) a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e en colaboración coa Fundación Mujeres co obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas que foron ou son coidadoras, especialmente do colectivo feminino que é o que se ocupa de manera maioritaria dos coidados das persoas dependentes.

O obxectivo deste proxecto innovador é respaldar ás coidadoras minimizando os problemas das tarefas do coidado e mellorando as súas habilidades de autoestima, abordando, entre outras cuestións, a xestión do tempo e o benestar emocional.

O concello curtiense, que desenvolverá esta iniciativa durante os vindeiros meses a través de accións formativas e de apoio, da así un paso máis na súa aposta pola asistencia ás coidadoras, ás que lle dedicou o Día Internacional da Muller e coas que traballa a través de talleres e clases co fin de dotarlles de ferramentas para facilitar o seu labor e pelexar tamén neste campo pola corresponsabilidade.

O servizo presentarase o día 23 de maio, ás 11.00 horas, no Salón de Actos do Concello. O acto contará cunha charla impartida por Verónica Mosquera, socióloga e técnica de intervención social da delegación de Galicia da Fundación Mujeres, que posúe unha ampla experiencia en accións formativas dirixidas a mulleres coidadoras.

Fundación Mujeres é unha organización sen ánimo de lucro que traballa desde o ano 1994 na posta en marcha de proxectos de intervención nos diferentes ámbitos da participación social, política, económica e cultural, co fin de lograr que a igualdade de oportunidades sexa real e efectiva.

  • As persoas interesadas neste servizo poden xa pedir información no teléfono 981 789 003.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.