Numeracion Curtis logos

Curtis volve reclamar máis accesos ao Polígono de Teixeiro ante a implantación de novas empresas

  • O Goberno local calcula que o único acceso actual soportará nun futuro próximo 600 vehículos pesados e 1.000 lixeiros ao día

obras poligono teixeiroO Goberno local de Curtis levará ao Pleno ordinario, convocado para este xoves, día 7, unha nova solicitude ao Ministerio de Fomento e a SEPES para que amplíen os accesos ao Polígono Industrial de Teixeiro xa que nun futuro próximo terá que soportar diariamente entre 450 e 600 vehículos pesados e ao redor de 1.000 vehículos lixeiros.

O Concello sostén que a Sociedad Estatal de Promoción y Equipamento de Suelo xa é coñecedora desta situación porque os novos accesos foron solicitados en numerosas ocasións prevendo este aumento de tráfico, xa importante pola presenza de Bioetanol e o resto de empresas instaladas e que se intensificou coas obras de ampliación e urbanización da segunda e última fase do Polígono.

Ademais, o Concello calcula que coa implantación xa prevista de novas industrias, o único acceso actual pola N-634 non será capaz de distribuír o tráfico que se xerará, provocando retencións na estrada e situacións de risco para os usuarios.

O Goberno local lembra que, a pesar de non ser a Administración competente na xestión do Polígono, estivo sempre traballando na promoción da venda de parcelas e na captación de empresas, sendo dos primeiros concellos en aprobar bonificacións fiscais para axudar á súa implantación. "Agora -sostén o equipo de Goberno- é necesario que outra Administración do Estado resolva con urxencia unha situación que está dentro das súas competencias".

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.