Numeracion Curtis logos

Angel Mato, o mozo curtiense que estuda as estrelas, será o pregoeiro de 'Curtis na Lembranza, as feiras de 1900'

  • Curtis engalanarase o sábado, 28 de xullo, como hai máis dun século para homenaxear ás feiras que impulsaron o nacemento do pobo hai 124 anos.

angel matoAngel Mato Martínez, curtiense de 34 anos que traballa como Mechanical Enginner no Instituto de Astrofísica de Canarias, será o pregoeiro o vindeiro sábado, 28 de xullo, da terceira edición de 'Curtis na Lembranza, Feiras de 1900', festa coa que se homenaxeará ás feiras que hai 124 anos impulsaron o nacemento do pobo de Curtis ao redor da Estación de Ferrocarril.

Angel Mato leva unha década traballando neste organismo público de investigación que xestiona un dos mellores observatorios internacionais do mundo. Viaxeiro empedernido e altruísta, este mozo que estuda as estrelas representa a unha nova xeración de curtienses que pisa forte no mundo.

O pregón terá lugar ás 12.00 horas na Estación de Ferrocarril, despois da chegada dos pasaxeiros desde A Coruña e Betanzos, que serán recibidos con todas as honras polos organizadores da Feira de 1900, a Asociación de Comerciantes de Curtis e o alcalde curtiense, Javier Caínzos, en representación do Concello.

Durante todo o día, o pobo de Curtis vestirase e engalanará como hai un século e recreará a ambientación da época, cos postos de artesanía, os de alimentación, as quexeiras que dan fama ao queixo de Curtis, os obradoiros de oficios, a música, o baile, os xogos populares e varias exposicións. Pola Avenida Principal e as rúas adxacentes escoitaranse os cantares de cego e sucederanse actuacións teatrais, de malabares e de monicreques ata o final de festa, que chegará tras o tradicional Paseo dás Mozas, cando as mozas se vestían de gala para percorrer a rúa principal ata o baile, que nesta edición celebrarase na Carballeira.

Os organizadores convidan os visitantes a ir ese día vestidos como a principios do século pasado e para iso lembra que atoparán indicacións da moda de 1900 na páxina web www.curtisnalembranza.es, así como o programa completo e a historia que dá vida a esta iniciativa das feiras de outrora.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.