Numeracion Curtis logos

Comunicado do Concello de Curtis

  • O Concello de Curtis, satisfeito co peche por parte da Xustiza das 14 demandas penais presentadas polo edil de Asembleas Abertas, Xosé Manuel Tomé.
  • Defende a honra e o traballo de empregados públicos, edís e veciños implicados.
  • Lamenta que se intentase xudicializar, sen base ningunha e con mentiras, a vida política do Concello e intentado paralizar proxectos en marcha.

ComunicadoA Fiscalía propuxo o sobresemento e o arquivo da demanda presentada vía penal contra o Concello de Curtis polo edil non adscrito de Asembleas Abertas, Xosé Manuel Toméi, respecto da xestión da apertura e peche de Centro Etnográfico de Teixeiro. A Fiscalía considerou, ademais, que practicadas as dilixencias non existen nin sequera indicios suficientes que xustificasen a toma de declaración do alcalde de Curtis.

Tras esta decisión, as 14 demandas presentadas polo concelleiro Tomé contra decisións ou actuacións do Goberno quedaron en nada. As que non chegaron xa a ser admitidas a trámite, foron finalmente arquivadas.

Durante todo o tempo que duraron os procedementos, máis dun ano, o Concello de Curtis puxo a disposición da Xustiza toda a documentación solicitada e brindou todas as explicacións necesarias. Agora queda clarificada a legalidade das actuacións e das decisións adoptadas polo Concello.

Así mesmo, o Goberno local mantivo silencio durante todo este proceso por respecto as actuacións xudiciais, pero unha vez finalizado quere pór en valor o esforzo e o traballo ben realizado e axustado a dereito dos empregados públicos, así como as decisións adoptadas polo Goberno, xa que tanto edís como persoal municipal víronse implicados nas demandas penais presentadas polo edil Xosé Manuel Tomé con acusacións, entre outras, de prevaricación, suborno e tráfico de influencias.

Ademais, nestas demandas que, como se dixo, quedaron en nada, tentouse implicar a veciños e empresarios.

Dano ao municipio

O Goberno local manifesta a súa satisfacción polo final deste proceso e lamenta que se intentase xudicializar, sen base ningunha e con mentiras, a vida política do Concello e intentado desta maneira paralizar algúns dos proxectos en marcha e danar así ao municipio.

Lamenta, ademais, este proceder por parte da oposición porque o tempo de duración do proceso afectou á tranquilidade de empregados públicos, dos concelleiros e dos veciños.

Desde o Concello curtiense ínstase agora á oposición a realizar un traballo construtivo en favor de Curtis, lonxe de recorrer a enlamar, só con fins partidistas, a vida pública do concello.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.