Numeracion Curtis logos

O IV Plan de Igualdade de Curtis priorizará a denuncia temperá da violencia machista, a precariedade laboral das mulleres e a coeducación

  • O Goberno local impulsa 49 medidas ata o 2022, para as que o Concello chama á participación e compromiso de toda a veciñanza.

iv planCurtis, 20 xaneiro 2019.- O Concello de Curtis aprobou o seu IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes para o período 2019-2022 adaptado ao contexto e ás necesidades concretas do municipio. O plan recolle 49 medidas en cinco áreas e conta con ferramentas prácticas que permiten optimizar os recursos locais contra a desigualdade e a violencia de xénero.

Este cuarto plan nace froito da revisión dos plans anteriores e da participación social, con medidas concretas en materia de emprego, educación, conciliación, saúde ou violencia de xénero, para as que o Concello chama á participación e compromiso de toda a veciñanza.

Cuestións como a educación, a xuventude e o mercado de traballo constitúen os ámbitos de intervención fundamentais e nos que poden acadarse resultados no curto e medio prazo. Neste IV plan outórgaselle, ademáis, un rol central ao ámbito sociocomunitario, que fortaleza o tecido asociativo do Concello para facerlle fronte á desigualdade e a violencia dentro do termo municipal.

Unha vez analizados datos e estatísticas do Concello referentes a poboación ou mercado de traballo, establecéronse como obxectivos prioritarios paliar a precariedade laboral das mulleres e as desigualdades das pensións, afrontar o envellecemento e o crecemento da poboación dependente, cuxo coidado depende maioritariamente das mulleres, e motivar a detección e a denuncia temperá nas situación de violencia de xénero.

Para iso establécese un novo plan con cinco eixos de intervención onde se recollen 49 medidas: En Educación, 11 medidas dirixidas a todos os niveis educativos; 7 medidas encamiñadas a promover a corresponsabilidade e facilitar a conciliación; 10 medidas en formación e emprego; 13 orientadas á sensibilización e o benestar social e 8 máis para continuar coa loita na eliminación de toda violencia machista.

O Concello fixo tamén balance do seu III Plan de Igualdade 2013-2017, e destacou o cumprimento do 90% das medidas incluidas na súa estratexia, o 75% con cumprimento total e o 15%, con parcial.

Algunhas das principais medidas son:

  • Educación

Diferentes campañas de sensibilización, talleres, visitas e actividades nos centros educativos. Crear un espazo de intercambio entre o CIM e o persoal docente, involucrar á Biblioteca Municipal ou aumentar a difusión en redes sociais.

  • Corresponsabilidade e Conciliación

Continuar co programa Conciliación na Montaña Coruñesa, mantemento dos servizos de madrugadores e recollida tardía nas escolas, poñer en marcha espazos de respiro para as persoas coidadoras nos locais sociais, propoñer solucións de conciliación nas actividades do Concello ou difundir recursos para a conciliación e o respiro familiar.

  • Formación e Emprego

Posta en marcha de diferentes programas, charlas e obradoiros para a formación e o emprego femenino, visitas a empresas para o empoderamento ou accións para fomentar o autoemprego e a creación de cooperativas e sociedades limitadas por parte de mulleres nas áreas con mellor saída laboral do municipio.

  • Sensibilización e benestar social

Difusión e aproveitamento do Plan de Igualdade, accións en datas sinaladas como o 25N e o 8M, frases e eslóganes en diversos espazos do municipio, dar maior puntuación ás empresas cun Plan de Igualdade interno na contratación pública, concienciación das asociacións e diferentes áreas do Concello ou fomento do envellecemento activo.

  • Erradicación da violencia de xénero

Declaracións empresariais contra o maltrato, Mesa Local de Coordinación Contra a Violencia de Xénero, diversas campañas e obradoiros, atención integral ás usuarias do CIM e dos Servizos Sociais con acción innovadoras ou cursos de defensa persoal.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.