Numeracion Curtis logos

Caínzos destaca a importancia da III Poxa de Elite de Curtis “porque elevará a calidade xenética da cabana de gando frisón de Galicia”

  • Todos os animais subastados foron a parar a explotacións gandeiras galegas.

poxa 19O municipio de Curtis foi o centro esta fin de semana do sector gandeiro xa que da súa III Poxa de Elite de Gando Frisón saíron os animais que permitirán a mellora xenética dos cabanas galegas xa que as xovencas vendidas foron na súa totalidade a explotacións gandeiras da comunidade.

O Concello curtiense realizou hoxe unha valoración moi positiva da poxa, tanto pola cantidade de animais vendidos, 15 dos 17, que procedían das mellores ganderías galegas, como polos prezos acadados, que oscilaron entre os 1.800 euros e os 6.000 euros. O animal que conseguiu a maior valoración foi Cundis Miriam Hotline FIV ET, unha xovenca de 14 meses da gandería Cunordam SC, de Zas, que compraron dous mozos gandeiros de Rodeiro e Touro.

Asistiron centenares de gandeiros á poxa procedentes de todas partes de Galicia e do resto de España, destacando unha numerosa excursión de Asturias. A clausura correu a cargo do conselleiro de Medio Rural, José González, quen animou a apostar pola calidade nos produtos agrícolas.

Con esta iniciativa, o Concello de Curtis, en colaboración coa empresa EmbrioMarket, quere dinamizar a economía da zona e dar visibilidade ao traballo e ao investimento dos gandeiros ao supor para eles un escaparate a nivel nacional. Esta é a única poxa deste estilo que se desenvolve en Galicia.

Para o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, os obxectivos desta terceira poxa, “xa consolidada no panorama galego e estatal, están totalmente conseguidos tanto polas expectativas creadas previamente como polos resultados acadados xa que grazas a esta iniciativa conseguimos elevar a calidade xenética do gando frisón de Galicia”.

Prezos

publico poxaTras Cundis Miriam Hotline FIV ET, un animal moi equilibrado, con 4.087 puntos GICO e 10 xeracións MB/Excelente no seu pedigrí, o segundo mellor prezo foi para outra xovenca, neste caso da gandería SAT A Campa, de Curtis. Trátase de Campa Imax 0338 Red, unha roxa con 4.233 puntos GICO, que acadou os 4.600 euros.

O terceiro posto foi para outro animal desta gandería coruñesa, Campa Solomon Megadea, unha vaca primeiriza que foi mercada por 3.900 euros. O volume de negocio da poxa ascendeu a 48.100 euros.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.