Numeracion Curtis logos

Caínzos traslada a Medio Ambiente os seus plans para a Praza de España e para a praza anexa á rúa Penacuca

medioambienteA conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde Javier Francisco Caínzos mantiveron unha reunión de traballo, que o rexedor aproveitou para trasladarlle os seus plans para mellorar a contorna da Praza de España e cubrir outra praza pública municipal

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, comprometeuse a estudar posibles vías de colaboración entre o seu departamento e o Concello de Curtis para levar a cabo varios proxectos de humanización de espazos públicos neste municipio coruñés. Así llo trasladou Vázquez Mejuto ao alcalde Javier Francisco Caínzos, con quen mantivo esta mañá unha reunión na que abordaron diversos asuntos de interese relativos a áreas da súa competencia.

Concretamente, o rexedor de Curtis trasladoulle á conselleira que o goberno municipal ten proxectada unha importante intervención urbanística na praza de España, no núcleo de Teixeiro. O obxectivo das obras, segundo explicou, pasa por humanizar e mellorar a contorna desta céntrica praza na que se atopa localizada a Casa Consistorial e na que a Consellería de Medio Ambiente xa financiara unha intervención de remodelación completa no ano 2016.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente colabora desde hai anos a través de diversas liñas de axuda dirixidas aos concellos no desenvolvemento de intervencións urbanísticas orientadas a frear o despoboamento rural, potenciar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, mellorar o benestar e a calidade de vida nas vilas e cidades galegas, programas nos que estes proxectos poderían encaixar.

De feito, tal e como lle trasladou o rexedor á conselleira, o Concello de Curtis xa presentou o seu proxecto de humanización da contorna da Praza de España á orde de axudas para a creación ou mellora de infraestruturas urbanas en concellos de menos de 50.000 habitantes, que foi publicada a comezos deste ano e nestes momentos, se atopa en fase de valoración e requirimento de documentación.

Así mesmo, o alcalde de Curtis tamén se referiu durante a xuntanza a un segundo proxecto de humanización de espazos urbanos no que está a traballar o concello. En concreto, trátase da instalación dunha pérgola nunha praza pequena anexa á rúa Penacuca, unha zona, explicou, que acolle moitas actividades ao longo do ano e que o concello pretende cubrir co fin de que se lle poida dar un maior uso, mesmo cando a meteoroloxía non acompañe.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.