Numeracion Curtis logos

A importancia do sector lácteo para Curtis: crece a facturación dos gandeiros un 2,3%

  • O Conselleiro de Medio Rural e o alcalde de Curtis acudiron a inauguración das novas instalacións da Sociedade Agraria de Transformación A Campa, en Curtis.
  • Os gandeiros de leite galegos levan facturado 368 millóns de euros no que vai de ano, o que supón un incremento do 2,3% respecto ao mesmo período do ano 2018.

sat a campa18 de xullo de 2019.- O conselleiro de Medio Rural, José González, e o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, asistiron á inauguración das novas instalacións da Sociedade Agraria de Transformación (SAT) A Campa, situada en Curtis.

Neste contexto, o responsable autonómico avanzou as cifras do crecemento dos ingresos dos gandeiros de leite galegos. En concreto, nos primeiros cinco meses do ano (maio é o último mes do que se teñen datos oficiais) os titulares de explotacións lácteas facturaron 368 millóns de euros, o que supón un 2,3% máis que no mesmo período de 2018. Resaltou tamén que a facturación dos gandeiros galegos tamén representa o 37% da mesma a nivel nacional, unha boa cifra que amosa estabilidade no sector neste momento.

Deste xeito, o conselleiro sinalou como “incuestionable” que o sector lácteo é un dos principais motores do rural galego e, polo tanto, da economía da nosa autonomía. Neste mesmo sentido se expresou o rexedor curtiense, que lembrou que o 50% da dinamización económica de Curtis provén do sector lácteo.

O Conselleiro e o alcalde tamén trasladaron a importancia de apostar pola transformación e pola calidade como xeito de revalorizar os nosos produtos, como fai a SAT obxecto da visita.

Segundo resaltou o responsable autonómico, está en marcha a Estratexia de dinamización do sector lácteo, contando con todos e cada un dos axentes implicados, que ten por obxectivo facer fronte a retos como a súa profesionalización, a rendibilidade das explotacións, a mellora da súa base territorial ou a reforma da Política Agrícola Comunitaria. O grupo de traballo está mantendo reunións de maneira periódica co fin de analizar a situación do sector. En concreto, a día de hoxe estase avaliando o remuda xeracional nas explotacións, a reorientación da produción e xeración de valor na cadea e a promoción dos produtos lácteos.

SAT A Campa

A SAT A Campa é unha empresa familiar orientada á produción de leite, que conta cunhas 80 hectáreas de cultivos forraxeiros. A súa produción é duns 1,7 millóns de litros cun censo de 324 animais. Ademais, os seus socios xestionan tamén a granxa El Pilar con 300 cabezas de gando e a queixería SAT Queinaga.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.