Numeracion Curtis logos

O xuíz decano e a Xunta arroupan o primeiro acto de toma de posesión dun xuíz titular que se desenvolve na sede do Concello de Curtis

  • Caínzos: "Nun momento que se fala da España baleirada, isto é unha mostra de compromiso do poder xudicial, a Xunta e o concello, e serve de reivindicación para manter os servizos públicos próximos ao cidadán".

posesion xuizO Concello de Curtis foi escenario hoxe do acto de xuramento e toma de posesión do xuíz de paz titular, José García Sánchez, que por primeira vez desenvolveuse na sede local do xulgado de paz sito na Casa Consistorial.

Ao acto asistiron o alcalde de Curtis, Javier Caínzos; Roberto Barba, xuíz decano de 1ª Instancia e Instrución do partido xudicial de Betanzos; Juan José Martín, director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, e Jaime Manteiga, que foi o xuíz de paz durante os últimos 8 anos no concello. Ademais, estiveron presentes a secretaria da xulgado María Carmen Mahía, concelleiros, a secretaria municipal e numerosos veciños/as.

O alcalde de Curtis destacou a relevancia deste acto nun momento no que "a xustiza se acha nun momento crucial. Debemos respectala e acatala para garantir a democracia no noso país. Os cidadáns necesitamos confianza nas nosas institucións e particularmente no poder xudicial. Sen xustiza non hai paz social, nin desenvolvemento nin liberdade".

Incidiu ademais, na importancia de manter este servizo no rural. "Nun momento que se fala e moito da España baleirada isto é unha mostra de compromiso e traballo do poder xudicial, a Xunta e o concello, e serve tamén de reivindicación para manter os servizos públicos próximos ao cidadán", dixo.

O xuíz de paz terá entre as súas funcións a de actuar "ás veces de psicólogo, pero tamén en mediación, arbitraxe, pacificación e harmonía, que son necesarias para desenvolver, atender e resolver de forma pacífica e directa os conflitos e rozamentos que se presentan na vida diaria  para ser resoltos. Para iso disporá do noso apoio e colaboración", sostivo Caínzos.

O rexedor tamén agradeceu o traballo realizado nestes últimos 8 anos por Jaime Manteiga.

Pola súa banda, tanto o Xuíz Decano como o director xeral de Xustiza destacaron que é a primeira vez que acoden a un acto de toma de posesión dun xuíz de paz a un concello, e destacaron o seu papel para manter a harmonía e a paz social.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.