banner narracion curta XIV

Programa de ayudas en los alquileres de vivienda habitual para minimizar el impacto económico y social del COVID-19

Normativa

Orde  TMA/336/2020, do 9 de abril, pola que se incorpora, substitúe e modifican senllos programas de axuda do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, en cumprimento do disposto nos artigos 10, 11 e 12 da Real Decreto-lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao  COVID-19.(BOE nº 101 do 11/4/2020  

Resolución do 19 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social do COVID-19 nos alugueiros de vivenda habitual, e se convocan para o ano 2020 (VI432E).

 

Obxecto

Concesión de axudas ao aluguer, mediante adxudicación directa, ás persoas arrendatarias de vivenda habitual que, como consecuencia do impacto económico e social do  COVID–19 teñan problemas transitorios para atender ao pago parcial ou total do aluguer.

Definición da situación de vulnerabilidade económica para os efectos de obter estas axudas

De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, os supostos de vulnerabilidade económica como consecuencia da emerxencia sanitaria ocasionada polo COVID-19 requirirán, para os efectos de obter axudas en relación coa renda do alugueiro da vivenda habitual, a concorrencia conxunta dos seguintes requisitos:

  1. Que a persoa que estea obrigada a pagar a renda de alugueiro pase a estar en situación de desemprego, expediente temporal de regulación de emprego (en diante, ERTE) ou reducise a súa xornada por motivo de coidados, en caso de ser empresario, ou outras circunstancias similares que supoñan unha perda substancial de ingresos, e non alcanzar por iso o conxunto dos ingresos dos membros da unidade familiar, desde a declaración do estado de alarma e ata un mes despois da súa finalización:
    1. Con carácter xeral, o límite de 3 veces o IPREM.
    2. Este límite incrementarase en 0,1 veces o IPREM por cada fillo a cargo na unidade familiar. O incremento aplicable por fillo a cargo será de 0,15 veces o IPREM por cada fillo no caso de unidade familiar monoparental.
    3. Este límite incrementarase en 0,1 veces o IPREM por cada persoa maior de 65 anos membro da unidade familiar.
    4. No caso de que algún dos membros da unidade familiar teña declarada discapacidade igual ou superior ao 33 %, situación de dependencia ou enfermidade que o incapacite acreditadamente de forma permanente para realizar unha actividade laboral, o límite previsto na subepígrafe 1) será de 4 veces o IPREM, sen prexuízo dos incrementos acumulados por fillo a cargo.
    5. No caso de que a persoa obrigada a pagar a renda de alugueiro sexa unha persoa con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 por cento, ou persoa con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 65%, así como nos casos de enfermidade grave que incapacite acreditadamente a persoa ou o seu coidador para realizar unha actividade laboral, o límite previsto na subepígrafe 1) será de 5 veces o IPREM.
  2. Que a renda, máis os gastos e subministracións básicas, do mes anterior á solicitude da axuda resulten superiores ou iguais ao 35 % dos ingresos netos que perciba o conxunto dos membros da unidade familiar. (custo das subministracións de electricidade, gas, gasóleo para calefacción, auga corrente, dos servizos de telecomunicación fixa e móbil, e as posibles contribucións á comunidade de propietarios

Beneficiarios

As persoas físicas que, na súa condición de arrendatarios de vivenda habitual, acrediten estar en situación de vulnerabilidade económica e social sobrevinda como consecuencia do COVID-19.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas maiores de idade que na data da presentación da solicitude cumpran os seguintes requisitos:

  1. Ter a nacionalidade española ou residir legalmente en España, no caso das persoas estranxeiras.
  2. Ser titulares, en condición de persoa inquilina, dun contrato de alugamento de vivenda cunha duración mínima dun ano, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, con mención expresa da súa referencia catastral e do medio e forma de pagamento á persoa arrendadora.
  3. Que a vivenda arrendada constitúa a súa residencia habitual e permanente, así como da súa unidade de familiar. Para estes efectos, tanto a persoa beneficiaria como as demais persoas integrantes da súa unidade familiar deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento na data da presentación da solicitude.
  4. Estar en situación de vulnerabilidade económica.
  5. Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
  6. Non estar incurso nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e/ou no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Non se poderá conceder a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da súa unidade familiar se encontren nalgunha das situacións que a continuación se indican:

  1. Ser propietario ou usufrutuario dalgunha vivenda en España. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito tamén as persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten a non dispoñibilidade dela por causa de separación, divorcio ou por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou dalgún membro da súa unidade familiar.</C.A>
  2. Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa que teña a condición de arrendador da vivenda ou ser socias ou partícipes da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.
  3. Ter sido obxecto dunha resolución de revogación ou reintegro dunha axuda deste plan de vivenda ou doutro anterior, por causa que lles sexa imputable.

Contía, duración e finalidade das axudas

A contía desta axuda será de ata 500 euros mensuais, sen que en ningún caso poida exceder o importe da renda do contrato.

No suposto de ter accedido ás axudas transitorias de financiamento reguladas no artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, a axuda poderá chegar ata un importe de 3.000 euros, co que se satisfará total ou parcialmente o pagamento da renda da vivenda habitual.

A axuda concederase polo prazo en que se acredite estar en situación de vulnerabilidade como consecuencia do COVID-19, durante un período máximo de 6 meses, e poderá ter efectos retroactivos nos termos sinalados na correspondente convocatoria.

A axuda ten carácter finalista e, polo tanto, non poderán aplicarse a outro destino que o pagamento da renda do alugueiro ou, de ser o caso, á cancelación, total ou parcial, das axudas transitorias de financiamento. Neste suposto, unicamente cando se cancelase a totalidade do préstamo, se o seu importe fose inferior ao da axuda concedida, poderá destinarse a axuda a cubrir o pagamento de novas mensualidades de renda ata acadar o total da axuda concedida.

Documentación

Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

  1. De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe en nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados .
  1. No caso de cesamento de actividade dos traballadores por conta propia, mediante certificado expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria ou órgano competente da Comunidade Autónoma, sobre a base da declaración de cesamento de actividade declarada pola persoa interesada.
  2. No caso de que a persoa solicitante estea afectada por un ERTE, certificado da empresa en que acredite que a persoa solicitante está incluída no ERTE, conforme o previsto no ordinal terceiro.
  3. Libro de familia ou documento acreditativo de parella de feito.
  4. Certificado de empadroamento relativo ás persoas empadroadas na vivenda, con referencia ao momento da presentación dos documentos acreditativos e aos seis meses anteriores.
  5. De ser o caso, declaración de discapacidade, de dependencia ou de incapacidade permanente da persoa solicitante e das persoas membros da unidade familiar para realizar unha actividade laboral,no caso de non ser expedida pola Xunta de Galicia.
  6. No caso de que a persoa solicitante ou algunha das persoas membros da súa unidade familiar conste como titular catastral dunha vivenda, nota simple do servizo de índices do Rexistro da Propiedade ou calquera outro documento que acredite que non é titular de ningunha vivenda.
  7. De ser o caso, documento acreditativo de non ter a dispoñibilidade da vivenda da súa propiedade ou de que esta resulta inaccesible.
  8. Contrato de alugamento da vivenda, cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da súa referencia catastral e do medio e forma de pagamento á persoa arrendadora.
  9. Extractos ou certificados bancarios acreditativos do pagamento das últimas tres mensualidades da renda do contrato anteriores ao primeiro mes para o cal se solicita a axuda, salvo que o contrato levase vixente un prazo menor, caso en que se acreditará o pagamento desde o inicio do contrato.
  10. No caso de non constar nos dous documentos anteriores o número de conta da persoa arrendadora en que se deba aboar a renda do contrato, documentación acreditativa do número de conta bancaria da persoa arrendadora.
  11. De ser o caso, solicitude da axuda transitoria de financiamento de acordo co establecido no artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, ou certificado bancario do préstamo formalizado conforme o artigo 9 do Real decreto Lei 11/2020, do 31 de marzo, en que conste o número de conta do acredor onde se ten que realizar o pagamento da axuda para a cancelación total ou parcial do préstamo.
  12. Anexo II, de declaración responsable das persoas integrantes da unidade de familiar da persoa solicitante e comprobación dos datos necesarios para tramitar o procedemento, no caso de que a unidade familiar estea integrada por máis dunha persoa.
  13. Documentación acreditativa dos ingresos da persoa solicitante e da súa unidade familiar correspondentes ao mes anterior ao da presentación da solicitude
  14. Documentación acreditativa dos gastos e subministracións básicas da vivenda habitual que corresponda que satisfaga a persoa arrendataria, referidos no ordinal terceiro e relativos ao mes anterior ao da presentación da solicitude.

Se a persoa solicitante da axuda non puider achegar algún dos documentos requiridos nas letra a) a h) do punto anterior, poderá substituílo por unha declaración responsable que inclúa a xustificación expresa dos motivos, relacionados coas consecuencias da crise do COVID-19, que lle impiden a súa achega. Tras a perda de vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas disporá dun prazo dun mes, contado desde o seguinte ao da finalización da vixencia do estado de alarma para a achega dos documentos antes sinalados que non facilitase. No caso de non achegar a citada documentación no prazo sinalado, declararase a perda do dereito á subvención e iniciarase, de ser o caso, o correspondente procedemento de reintegro.

As solicitudes que no momento da súa presentación non veñan acompañadas, de ser o caso, dos documentos sinalados nas letras i), j), k), l), m), n) e ñ) serán automaticamente inadmitidas.

Lugar de presentación

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Corresponde ás CC.AA. a tramitación e resolución dos procedementos de concesión e pago das axudas deste programa, así como a xestión do abono das mesmas unha vez que se recoñeceu o dereito das persoas beneficiarias a obtelas

Prazo

Comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 30 de setembro de 2020 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Xustificación da subvención

Realizarase mensualmente mediante a presentación dunha declaración responsable de que a unidade familiar continúa en condicións de vulnerabilidade e de que reside na vivenda obxecto do contrato de alugamento.

No caso de ter subscrito un préstamo mediante as axudas transitorias de financiamento a xustificación da subvención realizarase mediante un certificado bancario onde se recolla a cota mensual do préstamo. No suposto de que se cancelase a totalidade do préstamo, se o seu importe é inferior ao da axuda concedida, a xustificación do pagamento das novas mensualidades de renda ata acadar o total da axuda concedida farase mediante a presentación da documentación sinalada.

Estas xustificacións realizaranse utilizando o modelo normalizado para a achega de documentación xustificativa dispoñible na Carpeta cidadá e poderanse presentar ben electronicamente, na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ben presencialmente, na área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

Deberase presentar dentro dos dez (10) primeiros días naturais de cada mes e dirixirse á Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

Pagamento da axuda

Requirirá que a persoa beneficiaria presente a documentación exixida para a xustificación da subvención.

O pagamento farase mes a mes, agás no caso de concederse con carácter retroactivo, caso en que se poderá facer un único pagamento dos importes correspondentes ás mensualidades anteriores que expresamente se sinalen na notificación da resolución de concesión. No caso de ter subscrito o préstamo, poderase pagar o importe do préstamo amortizado ata chegar ao 100% da axuda concedida.

A subvención pagarase, por conta da persoa beneficiaria, á persoa arrendadora segundo os datos que figuren no documentación achegada coa solicitude, salvo que se teña subscrito un préstamo mediante as axudas transitorias de financiamento reguladas no artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, caso en que se aboará directamente na conta bancaria do acredor.

Cambio de domicilio

Se cambia de domicilio debe comunicalo no prazo máximo de 5 días contados desde a sinatura do novo contrato de alugamento, e deberase achegar o citado contrato, con indicación expresa da súa referencia catastral e do medio e forma de pagamento á persoa arrendadora, xunto co certificado de empadroamento de toda a unidade familiar na vivenda obxecto do novo contrato.

Retroactividade das axudas

As axudas recoñeceranse desde o 1 de abril de 2020, sempre que o correspondente contrato de alugamento estivese vixente nesa data, se tivese xustificado debidamente o pagamento das mensualidades anteriores, e as mensualidades posteriores á citada data non lle fosen aboadas á persoa arrendadora.

Compatibilidade da axuda

A axuda deste programa, con independencia de que se subscribiu ou non un préstamo mediante as axudas transitorias de financiamento reguladas no artigo 9 da Real Decreto-lei 11/2020, é compatible con calquera outra axuda ao aluguer que viñera percibindo a persoa arrendataria, mesmo se fóra con cargo ao propio Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, a condición de que o total das axudas non supere o 100% do importe do aluguer do mesmo período. En caso de superalo, se a axuda correspondente a este programa fose concedida, reducirase na contía necesaria ata cumprir co devandito límite.

 

alquiler ayudas copy

En la web www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso Mas información.