Numeracion Curtis logos

Axudas para a eficacia enerxética, fomento da conservación e mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas

Resolución do DOG nº 158 do 2018/8/21 - Xunta de Galiciacasa
BDNS (Identif.): 412125.

Resolución do 3 de agosto de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade en vivendas e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se convocan para o ano 2018, con carácter plurianual.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións.

  • Cuadro resumo das axudas: pdf 

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta resolución:

a) As persoas físicas, así como as persoas xurídicas de natureza privada, xa sexan propietarias de vivendas unifamiliares, de edificios de tipoloxía residencial de vivenda colectiva e das vivendas ubicadas nestes edificios.

b) As comunidades de persoas propietarias, así como as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

c) As agrupacións de persoas propietarias.

d) As sociedades cooperativas compostas por agrupacións de persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de división horizontal, así como por persoas propietarias que conforman comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

e) As empresas construtoras, arrendatarias ou concesionarias de edificios, así como as cooperativas, que acrediten a dita condición mediante contrato coa propiedade que lles outorgue a facultade expresa para acometer as obras de rehabilitación obxecto das dúas liñas de axudas previstas nesta resolución.

f) As persoas físicas arrendatarias dunha vivenda que asuman, en virtude dun acordo coa persoa arrendadora, o custo das actuacións de rehabilitación que correspondan, a cambio do pagamento da renda.

2. No caso das axudas da liña A), para obras de mellora da eficiencia enerxética e a sustentabilidade, tamén poderán ser beneficiarias as empresas de servizos enerxéticos.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das seguintes axudas de rehabilitación (código de procedemento VI422E) previstas no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021:

a) Liña A, axuda ao fomento de mellora da eficacia enerxética e da sustentabilidade en vivendas; a súa finalidade é financiar obras de mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade, con especial atención á envolvente edificatoria.

b) Liña B, axuda ao fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas; a súa finalidade é financiar obras de conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas liñas de axudas para a anualidade 2018, con carácter plurianual.

3. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras son as contidas nesta resolución.

Cuarto. Importe

1. Para a liña A), de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas:

a) A contía unitaria básica da axuda por vivenda unifamiliar non poderá superar os 12.000 euros. A contía máxima da subvención será de 18.000 euros, se na unidade de convivencia da persoa solicitante, propietaria ou arrendataria, promotora da actuación e residente na vivenda, hai unha persoa con discapacidade, e de 24.000 euros, se a discapacidade da persoa é dalgún dos seguintes tipos: con parálise cerebral, con enfermidade mental, con discapacidade intelectual ou con discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % ou con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

b) A contía máxima da subvención total que se concede por edificio de tipoloxía residencial colectiva ou por vivenda situada neste tipo de edificios en ningún caso poderá superar o importe de multiplicar 8.000 euros por cada vivenda e 80 euros por cada metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos compatibles.

Para poder computar a contía establecida por cada metro cadrado de uso comercial ou outros usos será necesario que o predio correspondente participe nos custos de execución da actuación.

A contía máxima da subvención que se concede por vivenda en edificio de tipoloxía residencial colectiva será de 12.000 euros, se na unidade de convivencia da persoa solicitante propietaria ou arrendataria, promotora da actuación e residente na vivenda, hai unha persoa con discapacidade e de 16.000 euros, se a discapacidade da persoa é dalgún dos seguintes tipos: con parálise cerebral, con enfermidade mental, con discapacidade intelectual ou con discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % ou con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

2. Para liña B), de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas:

a) A contía máxima da subvención para as actuacións de conservación non poderá superar os 3.000 euros por vivenda e 30 euros por metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos compatibles, cando se solicita só para actuacións de conservación.

b) A contía máxima da subvención para actuacións de mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade ou conxuntamente para estas últimas e para actuacións de conservación será 8.000 euros por vivenda e 80 euros por metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos compatibles.

Para poder computar a contía establecida por cada metro cadrado de uso comercial ou outros usos será necesario que os predios correspondentes participen nos custos de execución da actuación.

A axuda máxima para actuacións de mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade ou cando se realicen conxuntamente con actuacións de conservación será de 14.000 euros por vivenda, se na unidade de convivencia da persoa propietaria ou arrendataria, promotora da actuación e residente na vivenda, hai unha persoa con discapacidade, e de 17.000 euros se a discapacidade da persoa é dalgún dos seguintes tipos: con parálise cerebral, con enfermidade mental, con discapacidade intelectual ou con discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % ou con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

3. Ás axudas unitarias básicas sinaladas inicialmente nos números 1 e 2 deste artigo poderán sumarse 1.000 euros de axuda unitaria complementaria por vivenda para edificios de tipoloxía residencial colectiva ou en vivendas unifamiliares que estean declaradas ben de interese cultural (en diante, BIC), estean catalogados ou conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente. Neste caso e se ademais se trata de actuacións da liña A), de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, tamén poderán sumarse 10 euros de axuda unitaria complementaria por cada metro cadrado de superficie construída de uso comercial ou outros usos compatibles.

4. De conformidade co artigo 61 do Real decreto 109/2018, do 9 de marzo, as axudas unitarias previstas nos números 1 e 2 deste artigo incrementaranse nun 25 %, cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.

5. A contía máxima das subvencións non poderá superar o 40 % do custo subvencionable da actuación, que se poderá incrementar ata o 75 % do custo subvencionable, cando os ingresos da unidade de convivencia da persoa propietaria ou arrendataria, promotora da actuación e residente na vivenda sexan inferiores a tres veces o IPREM. Esta porcentaxe do 75 % do custo subvencionable tamén se aplicará no caso de actuacións para a mellora da accesibilidade, se na unidade da convivencia da persoa solicitante, propietaria ou arrendataria, promotora da actuación e residente na vivenda, hai unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.

6. Cando as beneficiarias das axudas sexan empresas construtoras, arrendatarias ou concesionarias dos edificios, así como cooperativas que non estean compostas por agrupacións de persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de división horizontal nin por persoas propietarias que conforman comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias constituídas, conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, a contía da axuda non poderá superar o 40 % do custo subvencionable.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará, en todo caso, no momento de esgotamento do crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG mediante

resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

  • Para calqueira dubida o información, contactade cos Servizos Sociais do Concello.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.