Numeracion Curtis logos

Convocadas as axudas da Xunta para a renovación de fiestras

Axudas para a renovación de fiestras

ventanaNormativa

Orde do 27 de xaneiro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativas ao Plan Renove de fiestras, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2017 (códigos do procedemento IN412A e IN412B). (DOG nº 21 do 31/01/2017).

Obxecto

Incentivar a rehabilitación dos ocos acristalados da fachada, tanto no referente ao acristalamento como aos marcos ou perfís, co fin de acadar melloras significativas na demanda enerxética do edificio e os conseguintes aforros en termos económicos e seleccionar as entidades colaboradoras que participan na súa xestión.

Beneficiarios/as

As persoas físicas propietarias ou titulares de calquera dereito sobre inmobles do sector residencial e comunidades ou mancomunidades de veciños, sempre que a actuación subvencionable se realice en vivendas sitas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Actuacións e gastos subvencionables

Será subvencionable a renovación de fiestras que formen parte da envolvente térmica do edificio pola compra de novas fiestras que cumpran coas seguintes especificacións técnicas:

- Dispor de marcación CE conforme a norma UNE EN 14351-1:2006+A1:2011.

- Exixencias mínimas de eficiencia enerxética:

Opción A) Carpintaría de madeira ou PVC e acristalamento que cumpra algún dos seguintes requisitos:

  • Dobre acristalamento con cámara de 12 mm ou superior para vidros normais.
  • Dobre acristalamento con cámara de 6 mm ou superior e con cristal baixo emisivo (con emisividade menor ou igual a 0,1).

Opción B) carpintaría metálica con rotura de ponte térmica de 12 mm ou superior con dobre acristalamento con cámara de 6 mm ou superior e con acristalamento baixo emisivo (con emisividade menor ou igual a 0,1).

A renovación consistirá na substitución dunha fiestra existente por outra de igual ou inferior tamaño.

Será subvencionable a colocación dunha nova fiestra paralela á existente (dobre fiestra), sempre e cando esta nova fiestra satisfaga os requisitos enerxéticos citados.

Tamén será subvencionable a renovación de portas que separen estancias calefactadas do exterior, sempre e cando cumpran coas especificacións técnicas e teñan marco por todo o perímetro.

Considéranse custos subvencionables a retirada das fiestras existentes, a fabricación das novas fiestras e a súa instalación, sempre e cando veña detallado na factura.

O IVE será subvencionable para os particulares, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas, para o cal será realizarán unha declaración responsable (anexo IV) de que o obxecto da subvención non se dedica nin se adscribe a ningunha actividade empresarial ou profesional ou, de ser Administración pública, que non pode repercutir o IVE.

Contía das axudas

Máximo de 100 €/m2 de oco, cuns límites de 3.000 € por vivenda unifamiliar/piso. Para o caso de comunidades de propietarios ou edificios de vivendas, a axuda máxima será de 3.000 € por vivenda unifamiliar/piso, co máximo de 50.000 € por edificio.

A subvención non superará o 25 % do custo total da obra. Soamente se admitirá unha solicitude de axuda por solicitante e unha única actuación por solicitude.

Documentación

Solicitude anexo III (IN412B) | Presentación electrónica

a) Solicitude do beneficiario (anexo IV).

b) Solicitante persoa física: achegará copia do DNI/NIE, se denega expresamente a súa consulta.

c) Solicitante agrupación de persoas físicas, privadas sen personalidade: o representante deberá asinar a solicitude e achegar a seguinte documentación:

  • Copia do documento que acredite a constitución da agrupación.
  • Copia do nomeamento do representante ou apoderado único da agrupación, con poder bastante para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación.
  • Documento en que consten os compromisos de execución asumidos, así como o importe da subvención que se aplicará a cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios (anexo V).
  • Autorización para representación (anexo VI).

Non se poderá disolver a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Solicitante comunidade de veciños: o/a presidente/a terá a representación da comunidade neste procedemento e será a persoa asinante da documentación; para isto deberán presentar:

  • Copia da acta de constitución da comunidade de propietarios coa relación de propietarios e a determinación da cota de participación respectiva.
  • Copia da certificación do acordo adoptado pola maioría legalmente establecida pola correspondente comunidade de propietarios en que se acepten as bases da convocatoria, se comprometan á execución das respectivas obras e se faculte o presidente ou administrador de predios para formular a solicitude de subvención.
  • Copia da acta onde conste o nomeamento do presidente ou certificado expedido polo secretario da comunidade referente a este aspecto ou certificación do administrador de predios que xestione a comunidade.

e) Copia da escritura da vivenda a nome do solicitante, ou recibo do IBI a nome do solicitante. De ser necesario comprobaranse os datos catastrais.

f) Cando resulte de aplicación, segundo o indicado na letra f do artigo 9, copia das tres ofertas solicitadas e, en caso de non se optar pola máis vantaxosa, memoria xustificativa da elección. No caso de non presentar as ofertas por concorrer algunha das circunstancias indicadas na citada base, deberá indicar o motivo.

g) No caso de que a contía da axuda sexa superior a 3.000 €, deberá achegar os certificados de estar ao día nas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, no caso de denegar expresamente a súa consulta.

Lugar de presentación

As solicitudes, tanto de adhesión das entidades colaboradoras ao plan, como as solicitudes de axuda deberán presentalas as entidades colaboradoras exclusivamente por vía electrónica, a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia ou ben desde as páxinas web Entidades colaboradas y Plan Renove Fiestras.

Na páxina web da DXEM poderá consultarse a listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao plan.

Prazo de presentación de solicitudes

Para as solicitudes de adhesión de entidades colaboradoras será de 5 días hábiles a partir do día 1 de febreiro de 2017 incluído (código de procedemento IN412A).

Para as solicitudes de axuda: do 1 de marzo ao 29 de setembro de 2017, agás esgotamento de crédito. Neste caso informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web da DXEM e no DOG (código de procedemento IN412B).

Información sobre estas axudas

Sobre estes procedementos administrativos, que teñen os códigos IN412A-IN412B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na DXEM, a través dos seguintes medios:

  1. Páxina web oficial da consellería de Economía e Industria
  2. O teléfono da dita dirección xeral: 981 54 55 73/881 99 93 20/981 54 54 74.
  3. O enderezo electrónico: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  4. Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.