Numeracion Curtis logos

Aberto o prazo para pedir praza no Programa de Benestar en balnearios 2017

balneariosPrograma Benestar en Balnearios 2017

Normativa:

Orde do 8 de marzo de 2017 pola que se regula a oferta de prazas para as estadías e o tratamento termal dentro do Programa de Benestar en balnearios 2017, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 53 do 16/3/2017)

Obxecto:

Convocar un total de 600 prazaspara para as estadías e o tratamento termal dentro do programa de Benestar en balnearios 2017, que se levarán a cabo nas quendas e establecementos termais que se relacionan no anexo IV.

En cada solicitude só se poderá relacionar un máximo de 3 destinos por orde de prioridade.

Persoas beneficiarias

Para beneficiarse deste programa haberá que reunir os seguintes requisitos:

  1. Ser maior de 60 anos, ou de 55 e reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.
  2. Estar empadroado e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
  3. Valerse por si mesmo para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa, agás no caso de fillos/as que acudan en calidade de acompañantes.
  4. Non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar a normal convivencia nos establecementos, nin padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.
  5. Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.
  6. Acadar, de conformidade co baremo, a puntuación que lle permita acceder a un dos balnearios e quendas solicitadas.

Acompañantes

A persoa solicitante poderá ir acompañada de:

  1. O seu ou a súa cónxuxe ou, se fose o caso, a parella de feito ou persoa coa cal teña unha unión estable e de convivencia con análoga relación á conxugal, sempre que cumpra os requisitos citados anteriormente, excepto o sinalado na letra a).
  2. Un fillo ou filla que teña un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando este o poida facer sen necesidade de apoio de terceira persoa, se poida desprazar con autonomía, comparta o cuarto coas persoas proxenitoras e cumpra os requisitos agás o da letra a).
  3. Unha persoa coa cal desexe participar no programa, sempre e cando esta cumpra todos os requisitos.

As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Duración e servizos ofertados

As quendas teñen una duración de 10 días (nove noites) cada unha, realizaranse en réxime de pensión completa e comprenderán desde as 12:00 h. do día de chegada ata as 12:00 h. do día de saída, e desenvolveranse entre o mes de abril e o de decembro de 2017

Servizos:

- Aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en cuartos dobres de uso compartido.

- Tratamentos termais, coas indicacións terapéuticas que figuran para cada balneario no anexo IV, que comprenderán:

  • Recoñecemento médico, ao ingresar no balneario, para a prescrición do tratamento.
  • Tratamento termal básico que, en cada caso, prescriba o persoal médico do balneario.
  • Seguimento médico do tratamento.

- Programa de actividades de animación sociocultural que se leve a cabo no establecemento hoteleiro ou termal.

- Póliza colectiva de seguro turístico.

O desprazamento desde o domicilio ata o establecemento termal así coma o de regreso será por conta das persoas beneficiarias, sen prexuízo de que se poidan acoller ás facilidades para o transporte que oferte o balneario, se for o caso.

As persoas beneficiarias que estean interesadas en aloxarse en cuarto individual, no caso de que houber dispoñibilidade, teranse que facer cargo da diferenza do custo que supoña, e as que precisen dalgún tipo de apoio ou dieta especial terano que indicar no momento de presentar a solicitude e acreditalo ao incorporarse á quenda.

A participación nas excursións ou actividades con custo adicional que organice o establecemento termal ou hoteleiro deberano facer as persoas beneficiarias polos seus propios medios e ao seu cargo.

Prezo

O prezo que pagarán as persoas beneficiarias, por praza e quenda para cada balneario, é o que figura no anexo IV.

Documentación

Solicitude anexo I e os anexos II e III |

  • Copia compulsada do pasaporte, se procede, relativa á persoa solicitante e, se fose o caso, á que a acompaña: cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal, filla ou fillo con discapacidade ou outra persoa.
  • Copia do libro de familia da persoa solicitante no caso de que queira acudir ao programa acompañada dun fillo ou filla con discapacidade.
  • Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla da persoa solicitante, de non ser expedido pola Xunta de Galicia ou non estivese no poder desta.
  • Certificado das pensións non outorgadas polo INSS nin pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante e da acompañante, se for o caso.

Para a tramitación consultaranse automaticamente os datos incluídos nos documentos elaborados polas administracións públicas sinalados no art.8.

Prazo presentación de solicitudes

Vinte días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Ata o 17 de abril de 2017.

Información e tramitación

Departamento de Servizos Sociais do Concello de Curtis. Telf. 981789003

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.