Numeracion Curtis logos

Curtis dótase dunha nova ferramenta para destinar vivendas baleiras a persoas en situacións de dificultade

 

  • As vivendas que se incorporen ao Programa de Viviendas Baleiras estarán dobremente aseguradas pola Xunta, que financiará un seguro multirrisco do fogar e outro de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica.

Firma plan vivendaO alcalde de Curtis, Javier Caínzos, asinou onte o convenio de adhesión ao Programa de Vivendas Baleiras da Xunta coa Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, co fin de darlle solucións reais e eficaces ás persoas que, por circunstancias económicas, persoais ou familiares se atopan en situacións de dificultade.

O obxectivo prioritario do programa é crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social, incorporando as vivendas de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitadas contando, para isto, coa colaboración das administracións locais.

Ethel Vázquez subliñou que este convenio fixa un prezo máximo da renda do aluguer, de 250 €, e a contía virá determinada polas características da propia vivenda e polas circunstancias particulares dos beneficiarios. Segundo dixo, "trátase de que o alugueiro resulte de interese, tanto para o arrendador como para o arrendatario”.

Pola súa banda, Javier Caínzos avanzou que o Concello está a traballar na base de datos de posibles vivendas que se poidan integrar no programa pero que xa existe un interese de varios promotores por incluir ao redor de 30 inmobles.

Dobremente aseguradas

A responsable de Vivenda do Executivo autonómico concretou que “as vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, xa que financiamos un seguro multirrisco do fogar e un seguro de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica, co fin de dar seguridade e tranquilidade aos arrendatarios”.

Segundo Ethel Vázquez, “con este programa a Xunta e o Concello de Curtis estamos a dotarnos de máis recursos para protexer o dereito constitucional a unha vivenda, polo que hai que agradecerlle especialmente ao alcalde de Curtis a súa colaboración e o seu interese por crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social no seu municipio”.

Para Ethel Vázquez, é moi importante que o resto dos municipios de menos poboación sigan o exemplo de Curtis porque aínda que son nas grandes cidades onde se rexistra maior número de desafiuzamentos, tamén é importante que os Concellos de poboacións máis pequenas se doten dos instrumentos necesarios para poder facer fronte a este tipo de situacións.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.