Numeracion Curtis logos

O Concello destaca o enorme revulsivo que suporá a planta transformadora en Teixeiro para revitalizar o rural e o sector lácteo

 

plano poligonoO Concello de Curtis recibiu con gran satisfacción o anuncio da próxima instalación por parte da sociedade Goodleit S.L. dunha planta de transformación láctea no Polígono Industrial de Teixeiro xa que suporá un revulsivo clave para o rural e o sector primario, que representa o 50% da economía do municipio.

Para o Goberno local, o importante investimento inicial desta industria, de ao redor de 70 millóns de euros, e que vai a procesar o 17% da produción láctea de Galicia, cando a comunidade produce o 39% do leite de toda España, denota a magnitude dun proxecto que non só impulsará a economía local e comarcal senón que axudará a revitalizar o sector en toda a comunidade.

O Concello destaca, non só os ingresos vía impostos locais que entrarán nas arcas municipais pola posta en marcha desta planta transformadora, senón tamén os empregos que se crearán, 130 segundo o anunciado pola propia empresa, pero valora especialmente o importante estímulo e a creación de riqueza que suporá para as decenas de explotacións gandeiras da zona a implantación desta industria tanto pola súa aposta polo I+D+i como polas súas grandes dimensións. Goodleit S.L. proxecta converterse nunha das maiores empresas lácteas de Galicia e nun referente en Europa, con vocación de exportar a maior parte do produto procesado aos mercados de África e Asia.

Así mesmo, o Goberno local confía en que a apertura desta industria poña en valor e axude a ampliar o solo destinado a usos agrarios e gandeiros e máis cando recentemente o Concello tramitou cambios na PXOM para adaptar os usos do solo á realidade e as necesidades das explotacións agrarias e forestais, o que permitirá un maior aproveitamento.

Máxima colaboración

O equipo de Goberno asegura a máxima colaboración coa sociedade á hora de tramitar as preceptivas licenzas no Polígono Industrial en canto sexa presentado o proxecto no concello, así como a máxima interlocución cos seus administradores para que a empresa poida empezar a funcionar canto antes.

Polígono Industrial

Por último, o Goberno local valora a elección do Polígono Industrial de Teixeiro para a instalación da planta transformadora e lembra que, ademais das súas boas conexións, é un dos mellor equipados e con mellores infraestruturas de Galicia, no que se atopan xa instaladas empresas como Abengoa ou o Grupo Norbert Dentressangle, líder en loxística e transporte en Europa.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.