A III Feira do Comercio Local promocionará este domingo a calidade dos establecementos de Teixeiro
Preto dunha trintena de postos instalaranse na gran carpa da III Feira do Comercio Local que estará situada na Praza de España (Teixeiro) este domingo, día 30, para promocionar e dar maior visibilidade ao bo comercio do pobo.
Un ano máis, os organizadores, a Asociación de Comerciantes de Teixeiro, fan coincidir a feira coa celebración da Exaltación dos Cogomelos para publicitar a calidade dos establecementos locais aproveitando a presenza dos centenares de visitantes que se achegan ao municipio este fin de semana.
A feira abrirá as súas portas desde as 11.00 da mañá ás 19.00 horas. O colectivo de comerciantes preparou, ademais, actividades para todas as idades. Para os máis pequenos, destacan os inchables e un taller infantil de cetraría ás 13.00 horas, e pola tarde, para todos os públicos, unha exhibición de voo libre de cetraría ás 17.00 horas.
Tamén para os que queiran comer na propia feira instalarase unha carpa, aínda que os veciños e visitantes poden optar tamén por realizar a Ruta Gastronómica que prepararon 26 establecementos hostaleiros do municipio con tapas e menús vinculados cos cogomelos. De feito, o municipio de Curtis presume dos centenares de especies de cogomelos que se poden atopar nos seus montes.
O domingo será o último día da Exaltación dos Cogomelos, pero o sábado xa se celebrará ao grande cunha saída ao monte a buscar cogomelos, ás 10.00 da mañá desde o Concello, e pola tarde, a partir das 18.30 horas, organizarase o III Dakar Ghaiteiro, e a partir das 21.30 horas, a asociación cultural Faragulla celebrará a VI Ruada de Teixeiro, na que participarán distintos grupos de cante e baile tradicionais.