Numeracion Curtis logos

Curtis reforzará Servizos Sociais, a partida de gasto que máis crece, un 36,14%, tras a de Educación, Deporte e Cultura

  • As contas para 2017 conxelan as taxas e impostos locais, reducen os gastos correntes nun 6,43% e aumentan os investimentos nun 11,41%.
  • Luz verde a unha dedicación exclusiva ante os retos de 2017 para captar fondos europeos e impulsar o Polígono Industrial, o plan de mobilidade e a participación.

pleno orzamentos

O Concello de Curtis aprobou de maneira inicial os Orzamentos para 2017, de 4.134.456 euros, que crecerá un 2,6% respecto de 2016. O Goberno terá unha capacidade superior de gasto sustentado nunhas contas saneadas, con cero débeda, e unha previsión de ingresos fiables, avalada polo nivel de execución de exercicios anteriores.

O Goberno local priorizou nas contas públicas a sustentabilidade dos servizos municipais; o apoio ás economías familiares, que ven como se conxelan por cuarto ano consecutivo as taxas e impostos locais e mantéñense as bonificacións do IBI para explotacións gandeiras e familiares numerosas, e a senda á alza no investimento, que este ano aumenta un 11,4% (un 54,5% respecto de 2015). Ademais, en 2017 volverán baixar os gastos correntes (-6,43%) grazas á mellora da xestión, como a aplicación de políticas de eficiencia enerxética ou a rebaixa dos custos de concesións como a do Punto Limpo.

A pesar desta baixada do gasto corrente, o alcalde Javier Caínzos destacou a aposta neste capítulo por priorizar os Servizos Sociais, a partida que máis crece, un 36,14% respecto de 2016, co obxectivo de atender mellor as necesidades dos veciños con máis dificultades, así como aos beneficiarios de servizos como a atención a domicilio, os que estean pendentes da avaliación do grao de dependencia, os usuarios do Centro de día ou os do CIM (Centro de Información ás Mulleres). Ademais, o rexedor puxo de relevo a subida dun 31,08% do gasto en Educación, Deportes e Cultura para dar resposta a unha demanda das actividades nestes ámbitos.

Segunda dedicación exclusiva para os retos de 2017

Os orzamentos foron aprobados só cos votos do equipo de Goberno, do mesmo xeito que a segunda dedicación exclusiva, que se sumará á do alcalde, que manterá o seu soldo conxelado a niveis de 2013 (34.147 euros).

Caínzos salientou a necesidade de dispor dun concelleiro dedicado ao 100% a labores municipais debido á carga de traballo e aos retos de 2017 como o desenvolvemento de novos proxectos con fondos europeos, o impulso empresarial do Polígono Industrial de Teixeiro, a elaboración e coordinación dos novos plans de movilidade así como as estratexias ambientais e as relacionadas coa promoción e prevención de saúde, as modificacións da PXOM, a elaboración do inventario municipal, a xestión do convenio de vivendas baleiras e a coordinación de todo a área de participación ciudana, á que se lle dará un novo impulso. Esta dedicación terá unha retribución bruta anual de 33.847,54 euros.

O nome de Lucas Vázquez ao campo de fútbol de Curtis

No pleno acordouse tamén, neste caso por unanimidade, que o campo de fútbol do pobo de Curtis leve o nome de Lucas Vázquez.

Centros educativos, IBI e PXOM

Os concelleiros non adscritos recharazon o orzamento porque o Goberno non aceptou as súas mocións solicitando a revisión da PXOM, a exención do IBI ás asociacións sen ánimo de lucro e melloras nos centros educativos. Respecto da revisión da PXOM, Antonio Fraga argumentou o seu rexeitamento porque as modificacione do Plan Xeral están a redactarse xa desde xuño tras o proceso de consultas cidadás, e convidou ao edil da oposición, José Tome, a que revisase a web do Concello e o Perfil do Contratante, onde está incluída a adxudicación e a información.

O Concello rexeitou tamén a proposta do IBI xa que só afecta a unha asociación do Concello, un club de fútbol, cuxo IBI paga o Concello vía subvención. Sobre os centros educativos, o alcalde asegurou que tanto a Consellería de Educación como o Concello está en permanente contacto coa directiva de todos os centros para atender as súas demandas, e presentou un informe técnico sobre o CEIP de Teixeiro no que se garante que cumpre coa normativa de adaptabilidad con ramplas de acceso ao colexio e un elevador eléctrico de subida ás aulas. En canto á accesibilidade dos baños, explicou que xa hai un compromiso da Consellería de Educación para adaptalos. Negou, por último, que haxa problemas de salubridade e hixiene, como así confirma o informe dos técnicos, e asegurou que nunca se diminuíron as horas de limpeza no centro.

 

Outras novas sobre os Orzamentos 2017:

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.