Numeracion Curtis logos

O Concello esixe a retirada inmediata dun cartel dunha discoteca por usar a imaxe da muller con carácter vexatorio como reclamo publicitario

  • O alcalde Javier Caínzos sostén que o Concello non vai permitir que se utilicen imaxes machistas que atenten contra a dignidade da muller.
  • O Goberno local incoou, ademais, un expediente de reposición da legalidade urbanística contra o local por carecer de licenza de apertura.

O Concello de Curtis requiriu á discoteca 'La Movida', situada en Teixeiro, a inmediata retirada dun cartel promocional dunha festa de inauguración do local no que se utiliza a imaxe da muller con carácter vexatorio como reclamo publicitario e utilizando, ademais, a conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, con fins claramente sexistas.

O Goberno local, que tivo coñecemento hoxe mesmo desa publicidade, reclamou a súa retirada de acordo coa lei galega para a prevención e tratamento da violencia de xénero, que establece que "nos medios de comunicación social que actúen no ámbito de Galicia se evitará a realización de difusión de contidos e anuncios publicitarios que mediante o seu tratamento ou posta en escena xustifiquen, banalicen ou inciten á violencia de xénero, ou nos que conteñan, tácita ou implicitamente, mensaxes misóginos ou que atenten contra a dignidade das mulleres".

O alcalde de Curtis, Javier Caínzos, sostén que o Concello non vai permitir que se utilicen este tipo de imaxes "vexatorias e machistas, xa que é algo que atenta contra a dignidade da muller e contra todos os plans en favor da igualdade, que obrigan a promover unha imaxe que non sexa nin estereotipada nin que cosifique ás mulleres".

Cesamento da actividade

De maneira paralela a este requirimento, o Concello incoou contra este local un expediente de reposición da legalidade urbanística para que a discoteca cese de maneira inmediata todo tipo de actividade, como o acto anunciado a través do cartel sexista, xa que o seu promotor non presentou o preceptivo fin de obra nin a comunicación previa de actividade, a pesar de que desde os Servizos Urbanísticos do concello advertíuselle desta necesidade antes da apertura do establecemento.

  • Cartel que se esixiu retirar pdf

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.