Numeracion Curtis logos

O Consello da Xunta aprobou a expropiación de 11 parcelas para construír a senda peonil da Rolda da Coruña e A Raia

  • O valor dos bens a expropiar ascenderá a 5.000 euros, e o investimento da Consellería de Infraestruturas en toda a execución ascenderá a 500.000 euros.

senda peonil copyO último Consello da Xunta aprobou a expropiación de 11 parcelas no Concello de Curtis necesaria para poder construír a senda peonil da Rolda da Coruña e A Raia, na marxe dereita da AC-840, ao longo de 1,7 quilómetros, que unirá o treito entre o Alto da Espeniña e a intersección coa estrada autonómica que vai a Montesalgueiro (AC-230).

O Goberno galego deu luz verde ao decreto de utilidade pública e disporá da urxente ocupación dos terreos afectados coa idea de iniciar a contratación das obras no mes de abril.

Os terreos a expropiar, ao redor de 360 metros cadrados ademais doutros bens como muros e valos, teñen un valor estimado de 5.000 euros. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda investirá case 500.000 euros na execución da senda.

Seguridade peatonal

O obxectivo desta obra é reforzar a seguridade dos peóns, pois o itinerario terá un ancho mínimo de 1,8 metros e estará separado da calzada por unha zona axardinada, mais unha cuneta de seguridade naquelas zonas onde sexa necesaria. Tamén se mellorará a intersección coa estrada ao cemiterio e levantaranse muros de contención, tal e como explicaron hai uns días a propia conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o alcalde Javier Caínos, aos veciños da zona.

A expropiación é un paso máis nesta actuación, na que se avanzaron xa outros trámites necesarios como a súa exposición a información pública, sen que recibise ningunha alegación.

O proxecto dá resposta a unha demanda que o alcalde trasladara en varias ocasións xa que esta é unha zona residencial na que viven preto de 300 veciños, que dispón de todos os servizos, pero non conta na actualidade cunha infraestrutura idónea para o tránsito peonil.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.