Numeracion Curtis logos

Aprobada a modificación do PXOM que facilitará a ampliación do cemiterio de Teixeiro

  • O Pleno curtiense aprobou o Plan Económico e Financeiro para 2017-2018, co que o Concello aforrará 297.224 euros.
  • Luz verde por unanimidade a unha moción do Grupo Popular que solicita ao Concello da Coruña que permita o Plan de Accesibilidade do Transporte Interurbano.

toma posesion nuriaA Corporación do Concello de Curtis deu luz verde no Pleno ordinario á aprobación inicial da modificación puntual nº 9 do PXOM en chan urbano por razóns de utilidade pública unha vez que obtivo a luz verde da Xunta de Galicia.

Con esta modificación proposta polo equipo de Goberno e que foi aprobada por unanimidade (PP e concelleiros non adscritos) dáse resposta, entre outras demandas, á necesidade de ampliar o cemiterio parroquial da igrexa de Teixeiro. Para poder facilitar o seu crecemento, a contorna do templo e os seus equipamentos foron incluídos inicialmente no PXOM como sistema público a obter por expropiación. Con todo, a titularidade destas parcelas é, a día de hoxe, do arcebispado, tanto a que ocupa o actual cemiterio como as previstas para a súa ampliación, polo que se fai necesario eliminar a súa consideración como sistema público e recoñecer o carácter privado da dotación prevista.

Ademais, a modificación que irá ao Pleno tamén afectará as aliñacións en Curtis das rúas Manuel Anxo Terrón e Uceira Nova, nesta última ampliando o viario e axustándose ás edificacións e urbanizacións existentes, así como á da rúa que remata en Antón Pepiño, en Teixeiro, que se adaptará ás necesidades derivadas da execución das obras do paso a nivel Carroipaz.

Plan Económico e Financeiro

No Pleno, ademais, aprobouse, o Plan Económico e Financeiro para 2017-2018, co que o Concello aforrará 297.224 euros a través da contratación de persoal propio para atender algúns servizos públicos agora externalizados, como parte do Servizo de Axuda ao Fogar e a limpeza das instalacións municipais, así como rebaixando os custos no mantemento da iluminación pública e no consumo eléctrico grazas ao cambio das luminarias polo sistema LED executados desde o ano pasado, e reducindo a execución de obras con fondos propios.

Esta rebaixa de gasto, que os concelleiros non adscritos votaron en contra ao criticar o que ao seu xuízo existen "gastos excesivos", desenvolverase aproveitando a necesidade do Concello de restablecer o obxectivo de estabilidade e a regra de gasto no prazo dun ano despois de que se desviasen nos orzamentos do 2016. O alcalde defendeu este plan e lembrou que a situación económica do Concello é saudable, con débeda 0 e un remanente de 2,5 millóns de euros.

Toma de posesión nova concelleira

Na sesión plenaria tamén tomou posesión da súa acta Nuria Sueiro como concelleira responsable das Áreas de Igualdade, Mocidade e Voluntariado do Concello de Curtis en substitución de Esther Lago, que deixou a concellaría por motivos familiares e laborais. Ademais, aprobouse un cambio de horario nos Plenos ordinarios, que se seguirán celebrando o primeiro venres dos meses pares, que se convocarán ás 9.00 horas.

Moción do Transporte Interurbano

O Pleno curtiense tamén aprobou, por unanimidade, a moción presentada polo Grupo Popular municipal co fin de trasladar ao Concello da Coruña a solicitude de que permita canto antes a posta en marcha gradual do Plan de Accesibilidade do Transporte Interurbano, dando as licenzas oportunas para permitir as obras de adecuación ás novas paradas responsabilidade da Xunta e contratando e executando as obras correspondentes ao concello. Ademais, ínstase á Xunta a abordar as obras en canto dispoña de licenza municipal.

O portavoz popular, Antonio Fraga, defendeu a moción destacando a importancia deste plan para Curtis, as melloras que supuxo xa coa bonificación das viaxes e transbordos do Plan Metropolitano, "o que revela que existe un potencial do incremento do atractivo deste servizo", que agora, sostivo, "pasa pola accesibilidade dos autobuses ao centro da Coruña". Lembrou que o Plan foi obxecto de procesos de participación cidadá, debates colectivos e reunións entre os concellos e os axentes sociais e profesionais implicados.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.