Numeracion Curtis logos

Aprobadas bonificacións no ICIO de ata o 60% en función do investimento e a xeración de emprego

PLENO EXTRAORDINARIO CONCELLO DE CURTIS

  • Esta rebaixa impositiva no ICIO e do 50% nas licenzas de obras "pretenden impulsar os distintos sectores económicos do municipio", explicou o alcalde Javier Caínzos.
  • A redución nos gravames foi aprobada por unanimidade dos votos do PP ao non asistir ao Pleno ningún dos concelleiros non adscritos.

FotoPlenoO Goberno local de Curtis aprobou esta mañá en Pleno Extraordinario importantes bonificacións en dous gravames municipais, o ICIO e a taxa por expedición de documentos administrativos, co fin de incentivar a instalación de novas empresas e apoiar aos sectores económicos do municipio. A rebaixa impositiva foi aprobada por unanimidade dos concelleiros presentes, do Grupo Municipal Popular, xa que non acudiu ao Pleno ningún dos concelleiros non adscritos na oposición.

O alcalde Javier Caínzos aclarou que o Concello está en disposición de realizar estas rebaixas sen pór en risco a sustentabilidade dos servizos públicos ao contar cunhas contas municipais saneadas, sen débeda e cun remanente de 2,5 millóns de euros. Ademais, o rexedor mostrou a súa estrañeza ante a falta de asistencia da oposición, "xa que nin avisaron nin a xustificaron a pesar de ser coñecedores de que o que aprobamos hoxe en Pleno é moi importante para impulsar ao crecemento económico do municipio".

No caso do ICIO, imposto municipal indirecto fixado cun gravame do 2%, incluirá bonificacións de ata o 60% ás construcións, instalacións e obras destinadas a realizar actividades industriais e comerciais que sexan declaradas de interese ou utilidade municipal. Caínzos destacou especialmente esta redución xa que se aplicará en función do investimento e da creación de emprego, "o que, cremos - sostivo - é a maneira máis ecuánime e máis xusta na repartición das cargas impositivas".

Máis bonificacións no ICIO

Ademais, o cambio na ordenanza do ICIO incluirá unha bonificación do 90% a construcións que favorezan as condicións de acceso e habitabilidade das persoas con minusvalías; do 50% ás vinculadas a plans de fomento de investimentos privados en infraestruturas e tamén as referentes a vivendas de protección oficial, e do 5% a aquelas que incorporen sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar.

Así mesmo, a rebaixa será do 95% en construcións, instalacións e obras declaradas de interese ou utilidade municipal por considerar que concorren circunstancias culturais ou histórico artísticas que xustifiquen tal declaración.

Rebaixa en licenzas de obras

En canto ás bonificacións da taxa por expedición de documentos administrativos, recentemente aprobada, o equipo de Goberno acordou aplicar unha nova rebaixa do 50% ás licenzas de obras e presentación de comunicacións previas, que pasarán do 1% ao 0,5%. O fin é beneficiar aos distintos sectores económicos do municipio, tanto de carácter industrial, comercial, hostaleiro, gandeiro, forestal como veciñal, "xa que a rebaixa beneficiará a todos por igual e, á súa vez, é coherente coa nova regulación do ICIO", segundo aclarou o alcalde curtiense.

Os cambios nestas ordenanzas sairán a exposición pública durante un mes tras a súa publicación no BOP para que se presenten as oportunas alegacións.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.