banner web pre narr xIII

'Curtis na Lembranza' regresará o 29 de xullo ao pasado para rememorar as feiras de 1900

  • Comerciantes e veciños recrearán a atmosfera de principios do século pasado como homenaxe ao mercado que impulsou o crecemento do pobo xunto á chegada do ferrocarril.
  • Os organizadores sortearán billetes de tren de ida e volta desde A Coruña.

lembranza1lembranza2

Curtis retrocederá o sábado, día 29 deste mes de xullo, a principios do século pasado para lembrar como eran as feiras do municipio cando o pobo empezou a crecer ao redor da actividade económica do seu mercado e da estación de tren, que foi inaugurada a finais do século XIX polo rei Alfonso XII.

A iniciativa, impulsada pola Asociación de Comerciantes de Curtis co apoio do Concello, continúa o ronsel iniciado o ano pasado na que se implicaron tanto os comercios como os veciños, que se ambientaron e vestiron como no ano 1900 para recibir aos centenares de visitantes que se achegaron a esta recreación das feiras de outrora.

Os organizadores traballan para que esta segunda edición de 'Curtis na lembranza, as feiras de 1900' sexa todo un éxito e para iso se instalarán numerosos postos de produtos artesáns e típicos da terra ao longo da avenida principal do pobo e nas rúas adxacentes, nas que ademais se programarán bailes e música, xogos populares, monicreques e teatro. Como novidade, preparan un xornal con noticias de principios do século pasado e coa estética de entón, e, ademais, sortearán billetes de tren de ida volta desde A Coruña co obxectivo de que cheguen pasaxeiros ataviados coas roupaxes de 1900. Para conseguilo, basta con darlle ao gústame á páxina de Facebook da Asociación de Comerciantes de Curtis.

Os comerciantes manterán tamén as tradicións de Curtis como o chamado 'paseo das nenas', que era o momento no que as mozas do pobo vestidas de festa percorrían a rúa principal camiño do baile.

O Concello de Curtis impulsa esta festa con apoio económico e para a súa promoción. O día 27 a Radio Galega emitirá un programa especial de 'A Tarde' desde Curtis para adiantar todas as novidades.

A Feira de Curtis, que cumpriu en 1994 os seus cen anos de vida, segue a ser un referente na comarca e na provincia xa que se mantén como un dos grandes dinamizadores económicos do municipio cos máis de 130 postos que se instalan todos os días 9 e 23 de cada mes nos seus máis de 25.000 metros cadrados e o seu catro naves totalmente acondicionadas.

 

 

En la web www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso Mas información.