Numeracion Curtis logos

Forza, fisioculturismo e hábitos de vida saudable centran os campionatos e exhibicións do II Teixeiro Summer Festival

  • Teixeiro reunirá o sábado, día 19, a centenares de amantes e afeccionados dos deportes de forza, culturismo, contacto e artes marciais.
  • Incluirá o Campionato Nacional de Powerlifting, a Competición de Fisioculturismo e demostracións e talleres de artes marciais e Street Workout

CartelTeixeiroSummerFestivalO municipio de Curtis prepárase para celebrar este sábado, día 19, o II Teixeiro Summer Festival, que reunirá por segundo ano consecutivo a centenares de amantes do mundo de culturismo e dos deportes de forza e contacto. Os campionatos e as exhibicións desenvolveranse durante todo o día, de 10.00 a 14.00 horas e de 15.30 a 21.00 horas, na Praza de España de Teixeiro, aínda que se chove trasladaranse ao pavillón polideportivo. A entrada será aberta.

Este festival multidisciplinar incluirá o Campionato Nacional de Powerlifting, deporte de forza e potencia, que se desenvolverá pola mañá e pola tarde, e a Competición da IFBB, Federación Internacional de Fisicoculturismo, que se organizará pola tarde e que se centrará nas categorías de Bikini Fitness, Mens Physique e Men Short. Estas modalidades gañan cada ano máis adeptos ao responder a unha nova estética de deportistas con desenvolvemento muscular moderado, o que axudou a popularizar a práctica do culturismo. En total espéranse 70 participantes.

Exhibicións e talleres

O programa tamén inclúe, pola mañá, a partir das 12.30 horas, exhibicións de artes marciais como o Muay Thai (coñecido como boxeo tailandés), Krav Maga (sistema de defensa persoal utilizado polas Forzas de Defensa e Seguridade israelís), Karate e Strong Man (atletismo de forza). Nestas exhibicións non hai límite de idade para os participantes e despois de cada unha delas desenvolverase un taller para aquelas persoas que queiran coñecer máis a fondo as modalidades. Para a tarde programouse unha demostración de Street Workout (deportistas que realizan piruetas suspendidos nunha barra).

O II Teixeiro Summer Festival, organizado pola área de Deportes do Concello de Curtis, naceu co obxectivo de dar a coñecer e potenciar novos deportes. As disciplinas de potencia e forza contan con numerosos seguidores en Galicia e cada vez con máis deportistas no propio municipio que as practican nos ximnasios municipais grazas á proxección de Santiago Fernández, 'Guti', un dos monitores, que gañou e quedou subcampión en numerosos campionatos nacionais e internacionais de culturismo e powerlifting.

Ademais, forma parte da estratexia do Concello de Curtis por promocionar hábitos de vida saudable, así como de organizar actividades e campionatos que axuden a promocionar o municipio.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.