Numeracion Curtis logos

O Concello aumentará un 22% o persoal de apoio a persoas dependentes para que creza o número de beneficiarios

  • Contratará entre 3 e 4 persoas para cubrir o aumento de 5.594 horas que se destinarán á atención do Servizo de Axuda a Domicilio.
  • Este reforzo súmase ao crecemento este ano nun 36,14% da partida orzamentaria destinada a Servizos Sociais.

Imaxe ConcelloO Concello de Curtis incrementará un 22% o persoal do Servizo de Axuda a Domicilio, é dicir, entre tres e catro persoas, co obxectivo de prestar a cobertura adecuada ao incremento de horas que se destinarán a este servizo de apoio a persoas dependentes a partir deste mesmo mes de setembro. O persoal actual está integrado por 14 profesionais, aos que hai que sumar o persoal subcontratado a través dunha concesión para cubrir vacacións e eventualidades.

Desde o día 1, o Servizo de Axuda a Domicilio pasará de atender 24.516 horas anuais a 30.110 horas, o que suporá un incremento dun 19% respecto ao tempo que se prestaba ata agora. Este reforzo de 5.594 horas permitirá intensificar as actuacións de apoio e que creza nun 30% o número de usuarios, unha das necesidades que o alcalde Javier Caínzos ve como prioritarias tendo en conta o alto número de persoas dependentes do municipio, especialmente da terceira idade, que necesitan axuda no seu domicilio para desenvolver a súa vida diaria e incrementar a súa autonomía.

O aumento de horas levará un aumento do financiamento do servizo por parte da Xunta de Galicia e do Concello de Curtis, que se elevará a 292.067 euros ao ano. Esta cantidade cubrirá o 85% do custo hora do servizo (12 euros), xa que os usuarios achegan unha media do 15% (1,8 euros), cantidade que varía en función das súas posibilidades económicas.

Partida orzamentaria

O Goberno local abrirá en breve o proceso de contratación de persoal xa que a súa incorporación deberá ser inminente.

Este aumento de persoal e de financiamento súmase ao crecemento nun 36,14% da partida orzamentaria destinada este ano a Servizos Sociais co fin de atender mellor as necesidades dos veciños con dificultades, das persoas de máis idade, das que están pendentes de avaliación do seu grao de dependencia e aos beneficiarios do Servizo de Axuda a Domicilio, así como aos usuarios do Centro de Día, instalacións que dan cobertura a oito municipios da comarca e que o Concello custea nun 33%.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.