Numeracion Curtis logos

Luz verde do Concello de Curtis á licenza de obras de Goodleit

  • A empresa investirá 70 millóns de euros nunha planta transformadora láctea de alta tecnoloxía e creará 130 postos directos e 130 indirectos en tres anos.
  • O Goberno local destaca a importancia desta industria para impulsar o sector primario do municipio, que representa o 50% da economía local.

goodleit2 2017Goodleit ten desde hoxe licencia de obras do Concello de Curtis para empezar a construír a innovadora planta procesadora de leite no Polígono Industrial de Teixeiro. Esta industria centrarase na elaboración e comercialización de ingredientes funcionais e nutricionais de alto valor engadido, dedicados á industria clínica, dietética, deportiva e infantil, así como á industria agroalimentaria en xeral.

A execución das instalacións, que ocuparán once parcelas do polígono, comezará en breve e a previsión é que poidan estar en funcionamento a finais do próximo ano.

A empresa recolle na súa memoria xustificativa de especial interese a súa intención de investir 70 millóns de euros no proxecto, unha planta de alta tecnoloxía, co obxectivo de captar mercados internacionais moi esixentes en calidade e seguridade alimentarias.

Goodleit avanza a súa intención de crear en tres anos 130 postos de traballo directos e 130 indirectos na rede local de provedores xa que a súa implantación suporá tamén pór en valor e mellorar o volume de produción das explotacións gandeiras non só do municipio, onde o sector primario representa o 50% da súa economía, senón da comarca e do resto de Galicia. O alcalde curtiense, Javier Caínzos, valorou a implantación de maneira moi positiva xa que a creación de empregos e o impulso do sector lácteo é clave para soster a economía local e para o asentamento da poboación no rural.

A previsión da planta é transformar 70 millóns de litros de leite en 2018 e alcanzar de maneira progresiva os 450 millóns (450.000 toneladas) en 2023.

Goodleit 2017Goodleit caracterizarase polo seu compoñente innovador e contará cun departamento propio de I+D. Ademais, colaborará cos Centros Tecnolóxicos de Galicia e as Universidades galegas para proxectos de investigación concretos.

Polígono de Teixeiro

O Polígono de Teixeiro, cunha superficie de dous millóns de metros cadrados, dos que 1.018.745 son de uso industrial, é o polígono máis grande da provincia da Coruña en fase de comercialización, un dos mellor conectados e coas mellores infraestruturas e equipamentos para o asentamento industrial (auga bruta, rede de gas, subestación eléctrica propia, espazos verdes, liña de ferrocarril paralela, etc.).

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.