Numeracion Curtis logos

SEPES pode xa contratar as obras da última fase do Polígono Industrial de Teixeiro

  • A entidade investirá cinco millóns de euros nas obras, que durarán ano e medio.
  • O nivel de ocupación e venda da primeira fase do Polígono ascende ao 74%, e o desta segunda fase está apalabrado nun 27%.
  • É o polígono máis grande da provincia da Coruña en fase de comercialización.

poligono 2 faseA SEPES, Entidad Pública Empresarial del Suelo, ten xa todos os informes favorables da Xunta e do Concello de Curtis para poder iniciar os trámites para a contratación das obras de urbanización da segunda e última fase do Polígono Industrial de Teixeiro, execución na que investirá cinco millóns de euros para dotar de servizos os 700.000 metros cadrados aínda sen desenvolver.

O Polígono de Teixeiro, cunha superficie de dous millóns de metros cadrados, dos que 1.018.745 son de uso industrial, é o polígono máis grande da provincia da Coruña en fase de comercialización, un dos mellor conectados e coas mellores infraestruturas e equipamentos para o asentamento industrial (auga bruta, rede de gas, subestación eléctrica propia, espazos verdes, liña de ferrocarril paralela, etc.).

O proxecto de urbanización da segunda fase, que tamén pasou o período de exposición pública sen recibir ningunha alegación, permitirá atender as peticións de asentamento de empresas de grandes dimensións que por necesidades estruturais non se adapten aos espazos que están á venda na primeira fase. De feito, o 27% do terreo desta última fase xa está apalabrado. En canto ao nivel de ocupación e venda da primeira fase, tras a compra do dez parcelas de 85.000 metros cadrados onde se instalará a planta transformadora de leite Goodleit, achégase ao 74%.

A SEPES estima que as obras, que estarán adxudicadas antes de final de ano, terán unha duración de ano e medio, aínda que a lei permite que se poidan simultanear coa concesión de novas licenzas e a construción de naves.

A urbanización da segunda fase incluirá o acondicionamento do terreo, a execución dos viarios públicos, a pavimentación, o saneamento, o abastecemento de augas, as redes de telecomunicación, a distribución eléctrica e iluminación pública, a xardinaría e o mobiliario urbano.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.