Numeracion Curtis logos

A Deputación probará unha nova pavimentación na Avenida Principal durante tres meses antes de reparar todo o viario

  • Dá resposta así ás numerosas solicitudes do Concello de Curtis, que urxiu a reparar o acceso ante o mal estado de conservación.
  • O desgaste e as roturas do formigón provocan ruídos e vibracións, que afectan mesmo o soño dos veciños.

FotoAPrincipal2A Deputación da Coruña pavimentou esta semana un tramo de 80 metros da Avenida Principal do núcleo urbano de Curtis a modo de proba para coñecer se aguantará o formigón. De superar o prazo de proba, de tres meses, esta solución aplicarase en toda a avenida, dun quilómetro de lonxitude, co obxectivo de reparala xa que se atopa nun pésimo estado de conservación.

A institución provincial dá resposta así ás numerosas solicitudes do alcalde de Curtis, Javier Caínzos, que tamén elevou a petición como deputado e que urxiu a reparar esta avenida, unha das arterias principais do pobo. O seu mal estado é patente nas fisuras nas xuntas, no desgaste da capa de rodaxe e nos seus áridos á vista. O paso continuado do tráfico rodado polas placas de formigón rotas e desgastadas causa ruídos e vibracións que molestan aos comerciantes e impide mesmo o soño dos veciños. A estrada, que enlaza a A-6 con Santiago, é un paso constante de camións de alta tonelaxe.

Ademais do mal estado, o Concello advertiu de que esta vía, de titularidade da Deputación, necesitaba melloras na sinalización e pasos de peóns, obras que o ente provincial acometerá nos próximos días, así como o rebacheo das zonas danadas.

Visita ás obras

ForoAPrincipal1Antonio Fraga, alcalde en funcións, e o concelleiro de obras, Emilio Souto, estiveron a ver a execución das obras. Lembraron a necesidade de que se actúe con celeridade xa que o Goberno local avisou hai xa tres anos que a mellora que se fixo entón non se desenvolveu en condicións e que pronto volvería dar problemas, o que finalmente sucedeu. Todas as deficiencias foron recollidas nun informe do técnico municipal, que se lle entregou á Deputación o pasado mes de xuño.

 

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.