Numeracion Curtis logos

O Concello propón como festivo local o Día da Muller Traballadora para evidenciar a necesidade de seguir loitando pola igualdade real

  • O alcalde Javier Caínzos pretende que sexa un respaldo á muller rural, ao traballo que desenvolve o CIM de Curtis e ás políticas transversais de igualdade.
  • A proposta foi presentada pola área de Igualdade e Xuventude, a cargo de Nuria Sueiro.

cim curtisO Goberno local levará para a súa aprobación no Pleno ordinario deste mes a proposta de que en 2018 sexan xornadas festivas locais o 13 de febreiro, martes de Entroido, como xa é tradicional, e, como novidade, o 8 de marzo, Día da Muller Traballadora. Con esta proposta, realizada pola área de Igualdade e Xuventude, a cargo de Nuria Sueiro, búscase visualizar e revalorizar o papel da muller curtiense, alicerce fundamental no 90% dos fogares do municipio.

Coa elección do 8 de marzo, o Concello quere tamén reivindicar a necesidade de seguir loitando en favor da igualdade de xénero co fin darlle á muller o valor e o lugar que lle corresponde na sociedade. O colectivo feminino representa o 49,9% da poboación curtiense. "O rol da muller rural é básico no sustento familiar, laboral e social do noso municipio", destaca o alcalde Javier Caínzos, quen avanza que este festivo local pretende ser, ademais, un respaldo ás políticas transversais en prol da igualdade e ao traballo que desenvolve o CIM de Curtis.

O Centro de Información ás Mulleres de Curtis, que tamén dá servizo a Sobrado e Vilasantar, está a traballar no IV Plan de Igualdade de Oportunidades, que incorpora entre as súas principais liñas de acción a investigación da violencia de xénero no rural co fin de detectar as alteracións, dificultades e problemas que se poden presentar asociados ás situacións de violencia segundo o contexto xeográfico, social e cultural no que se producen e das situacións persoais (familia, traballo, crenzas, educación) das mulleres que as sofren.

Ademais do traballo que se desenvolve na prevención, formación e coeducación, o CIM tamén innovará no novo plan na intervención directa potenciando o uso de terapias ocupacionais nas mulleres afectadas pola violencia de xénero para promover o seu benestar físico, psíquico e social, así como o uso de terapias asistidas con cans no caso dos menores expostos.

O Pleno ordinario celebrarase o día 28, ás 9.00 horas.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.