Numeracion Curtis logos

Luz verde ao Día da Muller Traballadora como festivo local en 2018

  • Esta proposta do Goberno local para visualizar a loita pola igualdade real e homenaxear á muller do rural saíu adiante só cos votos do PP.
  • O día substituirá ao 8 de setembro, día de Nosa Señora dos Remedios, que caerá en sábado.

pleno septiembre 2017O Pleno do Concello de Curtis aprobou hoxe, só cos votos do PP, fixar o día 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, como festivo local en 2018 en substitución do día da Nosa Señora dos Remedios, que ao ser un 8 de setembro caerá en sábado. Ademais, acordouse manter tamén como festivo local o 13 de febreiro, martes de Entroido.

Nuria Sueiro, concelleira de Igualdade e Xuventude, puxo de relevo a importancia da proposta do 8 de marzo para revalorizar o papel da muller, alicerce fundamental no 90% dos fogares curtienses e que representa ao 49,9% da poboación, así como para visualizar o esforzo que aínda se necesita desenvolver ata alcanzar a igualdade real.

Os concelleiros non adscritos non apoiaron a proposta, abstivéronse e puxeron sobre a mesa os días 30 de abril e 10 setembro para "ter unha ponte ou un fin se semana longo', segundo a edil Verónica Fontes. O portavoz do grupo popular, Antonio Fraga, sostivo que "cada un poderá ter unha proposta diferente pero desde o Goberno local cremos que é unha boa ocasión para reforzar a defensa pola igualdade da muller, coa que temos un firme compromiso e unha sensibilidade especial neste concello". "Hai que darlle á muller o lugar que lle corresponde na sociedade, en especial á do rural, vertebradora das familias e en moitos casos ou seu sustento", aclarou.

Contas xerais 2016

Ademais, no Pleno ordinario acordouse, só cos votos do PP, aprobar as contas xerais do 2016, que se pecharon un ano máis sen débeda municipal e cun alto grao de cumprimento, do 80% no caso dos ingresos e do 81,3% na recadación. A porcentaxe de obrigacións recoñecidas foi do 84,46% e o de pagos ascendeu ao 87,14%.

Bonificación a Goodleit

Os concelleiros non adscritos abstivéronse tamén na aprobación da bonificación do ICIO (Imposto sobre construcións, instalacións e obras) a Goodleit, empresa transformadora láctea, que foi defendida por Antonio Fraga ao lembrar que a súa instalación suporá un investimento millonario e a creación de 130 postos de traballo directos e 130 indirectos. Ante as críticas da oposición, que pediu tamén bonificacións para as empresas máis pequenas, Fraga lembroulle que xa existían, e das que se podían beneficiar todos os sectores económicos. "Aí están as bonificacións do 50% nas taxas e nas licenzas de actividade", concluíu.

A Corporación tamén cambiou a composición da Comisión Especial de Contas e da Mesa de Contratación, onde ten presenza a oposición, cambios necesarios tras abandonar os concelleiros que entraron polo BNG a formación nacionalista e pasar a configurarse como concelleiros non adscritos. No Pleno deuse conta tamén da saída do edil Víctor Manuel Fernández do BNG, que estaba aínda pendente de comunicalo desde que entrou en substitución de Pilar Ponte o pasado mes de abril.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.