Numeracion Curtis logos

O Concello de Curtis quere recuperar a historia oral coa convocatoria do XIII Premio de Narración Curta

  • Baixo o título ‘Ó rescate da memoria’, a nova edición admitirá o envío de relatos ata o 20 de abril de 2018.
  • O certamen naceu en 2004 para fomentar as letras galegas.

cartel Curtis webA área de Cultura do Concello de Curtis convocou o XIII Premio de Narración Curta que nesta ocasión, baixo o título ‘Ó rescate da memoria’, quere recuperar episodios do pasado que pertencen á historia oral para convertelos en relatos. O obxectivo é centrar esta edición nos nomes propios dos avós e avoas, pais e nais e de todos aqueles veciños que teñan anécdotas ou testemuños que valgan a pena rescatar para enriquecer o presente.

As bases do certame resaltan que “a historia non só se constrúe de grandes relatos, senón de pezas mínimas do día a día. Historias de familia que esconden grandes verdades, alegrías e tristezas doutras épocas”.

O Premio de Narración Curta, que foi creado polo Concello curtiense en 2004, aborda en cada edición unha temática que se considera de interese social. O certame naceu para fomentar o uso das letras galegas, por iso só admite narracións escritas na lingua propia da comunidade. Deberá ser inéditas e orixinais.

Como en edicións anteriores, créanse dúas categorías de premios en función da idade dos participantes, de 12 a 18 anos e de 19 anos en diante.

Os relatos poderán enviarse ata o 20 de abril de 2018.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.