Numeracion Curtis logos

A execución da glorieta na AC-840 en Curtis empezará este trimestre unha vez que a Xunta aprobou as expropiacións

  • Ao investimento de 240.000 euros na obra sumaranse 8.822 euros das expropiacións.
  • A rotonda mellorará a seguridade do cruzamento, de alta sinistralidade.
  • Completará a construción xa en marcha dunha senda peonil, na que se inviste medio millón de euros.

rotonda 2O Consello da Xunta aprobou onte as expropiacións para a construción da glorieta entre a AC-840 e a DP-3204 co obxectivo de reforzar a seguridade viaria deste cruzamento na travesía de Curtis, de elevada sinistralidade. O Goberno galego deu luz verde así ao decreto que declara de utilidade pública e de urxente ocupación as tres fincas necesarias para executar a obra.

O investimento total na rotonda ascenderá a 240.000 euros, aos que agora se engadirá o custo previsto inicial das expropiacións, de 8.822 euros.

A obra, demandada polo Concello de Curtis desde hai moito tempo, comezará neste primeiro trimestre de ano xa que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda licitaraa nas próximas semanas.

A glorieta permitirá salvar a reducida visibilidade desta intersección debido ao cambio de rasante e, por tanto, posibilitará os xiros dos vehículos en condicións máis seguras. A construción, ademais da rotonda, incluirá a pavimentación, a colocación de beirarrúas e a sinalización.

Medio millón máis na senda peonil

Esta actuación complementará á que xa se está executando para construír unha senda peonil de 1.800 metros na marxe dereita da AC-840 co fin de conectar o tramo comprendido entre o Alto da Espeniña e a intersección coa estrada que vai a Montesalgueiro (AC-230). A obra, inclúe ademais, a reforma do cruzamento coa estrada do cemiterio e a rehabilitación e ampliación da calzada onde fose necesario, así como a execución de dous muros de contención.

A obra, na que se inviste medio millón de euros, estará finalizada na primavera.

 

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.