Numeracion Curtis logos

Caínzos propón formar en competencias profesionais usando os centros educativos fóra do horario lectivo

  • O alcalde presentou a proposta como vogal na Comisión de Desenvolvemento Económico e Emprego da FEMP para eliminar a desigualdade en oportunidades entre municipios.

reunion da fempO alcalde de Curtis, Javier Caínzos, propuxo, como vogal na Comisión de Desenvolvemento Económico e Emprego da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), negociar cos ministerios de Traballo e de Educación o aproveitamento dos actuais centros educativos fóra do horario lectivo para impartir formación encamiñada a obter o certificado de profesionalidade.

Para o rexedor, esta fórmula facilitaría aos municipios máis pequenos contar con aulas para acreditar o conxunto de competencias profesionais que ha de posuír unha persoa para o desenvolvemento dunha actividade laboral identificada no mercado de traballo. Caínzos lembrou os problemas que agora teñen moitos veciños de concellos pequenos xa que deben trasladarse fóra do seu termo municipal para conseguir este certificado e insistiu na necesidade de que todos os cidadáns poidan acceder a estes servizos á marxe da localidade onde vivan.

Ademais, sostivo, o material e os equipos necesarios para esta formación quedarían xa no inventariado do centro educativo para uso do alumnado.

Na reunión da FEMP tamén se abordaron os problemas para autorizar e homologar os centros de formación para os certificados de profesionalidade e as necesidades das entidades locais para aplicar os fondos dos plans de emprego.

Cidades Saudables

O alcalde acudiu esta semana á reunión da Rede española de Cidades Saudables, á que pertence o Concello de Curtis onde se tratou, entre outros temas, propostas de accións e de promoción.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.