Numeracion Curtis logos

Recoñecemento social do Concello de Curtis o Día Internacional da Muller ao papel das coidadoras formais e informais

  • O Concello de Curtis renderalles unha homenaxe este xoves para visibilizar o seu labor e destacar a necesidade de pelexar tamén nesta área pola corresponsabilidade.

8 marzo muller 2018O Concello de Curtis homenaxeará o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a todas aquelas mulleres coidadoras de persoas dependentes, tanto formais como informais, é dicir, tanto ás que traballan no Servizo de Axuda a Domicilio municipal como a todas aquelas mulleres que brindan estes coidados cun alto grao de compromiso a través de lazos familiares e afectivos. No caso do municipio curtiense, as mulleres poden estar a realizar este labor no 80% dos fogares.

O Goberno local, a través da concellaría de Igualdade e do CIM Curtis, quere trasladar así a todo o colectivo feminino implicado nestas tarefas o agradecemento polo seu traballo, pero sobre todo quere realizar unha homenaxe que poña en valor o beneficio que supón para gran parte da poboación o seu compromiso e a súa alta dedicación, moitas veces invisibilizada porque é un rol que tradicionalmente se dá por feito que é responsabilidade da muller.

"Este recoñecemento social é case unha obrigación. As coidadoras, mulleres, porque son elas as que levan o peso deste labor de maneira maioritaria, soportan unha importante carga física, psíquica e emocional, por iso desde o Concello preocúpanos dotarlles de ferramentas para facilitar o seu labor e pelexar tamén neste campo pola corresponsabilidade", sostén a edil de Igualdade, Nuria Sueiro.

O Concello de Curtis incrementou un 63% o persoal do Servizo de Axuda a Domicilio para poder aumentar un 30% o número de usuarios, á vez que puxo en marcha unha serie de talleres e clases de apoio a coidadoras e coidadores.

Festivo local

O acto de homenaxe celebrarase este xoves, ás 19.00 horas, no salón de actos do Recinto Feiral de Curtis, coa presenza de numerosas representantes deste colectivo.

O 8 de marzo é, ademais, día festivo local en Curtis a proposta do Goberno local para evidenciar a necesidade de seguir loitando pola igualdade real.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.