Banner XIV premio de narracion curta concello de curtis

Comunicado do Concello de Curtis

O Goberno municipal de Curtis, aplicando a súa política de transparencia na xestión e sobre todos aqueles temas de interese para as súas veciñas/os, informa que:

comunicadoXosé Manuel Tomé, edil non adscrito e ex concelleiro do BNG, presentou 14 denuncias vía penal contra actuacións e decisións adoptadas polo Concello de Curtis. Algunhas non chegaron a admitirse a trámite, é dicir, concluíuse que os feitos non revestían caracteres de infracción penal, e cinco foron arquivadas ao concluír o Ministerio Fiscal que da instrución non se deriva indicio algún da existencia de irregularidades.

Por tanto, e segundo os datos obrantes no Concello, das 14 denuncias interpostas, só quedan dous pendentes de resolver. O Concello curtiense manifesta a súa total disposición a seguir colaborando coa Xustiza e a brindar todas as explicacións necesarias, como veu facendo ata o momento, para que se clarifiquen todos os feitos.

Entre as denuncias presentadas polo concelleiro non adscrito, algunhas das cales coinciden tamén coa súa etapa de edil polo BNG, implícase tanto ao Goberno local como a traballadores municipais, empresas e veciños, coas acusacións, entre outras, de prevaricación, suborno, malversación e tráfico de influencias. Todas foron rexeitadas ou non admitidas a trámite, entre outras, a relativa á concesión do Punto Limpo, concesión que foi proposta como a mellor oferta por unanimidade da Mesa de Contratación, incluído o voto favorable do propio concelleiro do BNG denunciante, membro da citada Mesa.

Ademais, foi rexeitada pola Fiscalía a denuncia contra o alcalde, na que tamén se inclúe á súa familia, na que o edil da oposición acusou o rexedor de ocultación de patrimonio obtido ilegalmente e modificación de propiedades.

Das dúas causas aínda pendentes, unha é relativa á xestión de persoal do Centro Etnográfico e a outra denuncia algunhas das modificacións da PXOM. Sobre a primeira, a Fiscalía decidiu remitir a denuncia aos xulgados para solicitar máis documentación, e xa foi chamado a declarar o alcalde, aínda que a súa declaración foi suspendida pola folga dos funcionarios de Xustiza. En canto ás modificacións da PXOM, o expediente aínda non foi resolto pola Fiscalía.

Por respecto ás actuacións xudiciais en marcha e co ánimo de non interferir no seu desenvolvemento, o Concello de Curtis manifesta a súa vontade de non efectuar novas valoracións públicas sobre os procedementos en curso ata a resolución dos mesmos, manifestando, de novo, a súa inequívoca vontade de colaboración coa Xustiza para a aclaración total dos feitos.

 

En la web www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso Mas información.