Numeracion Curtis logos

O Concello convoca novas reunións veciñais para informar dos cambios do PXOM, en exposición pública desde mañá

  • As reunións celebraranse os días 9 e 10 de abril nos dous núcleos urbanos e en todas as parroquias.
  • O alcalde escoitará as suxestións cidadás para tentar acordar ao máximo un expediente "que se manterá vivo" ata a súa aprobación provisional.

pxom7O DOG publicou hoxe o anuncio da aprobación inicial das modificacións puntuais do PXOM de Curtis que delimitarán os núcleos rurais e adecuarán as categorías de chan rústico, cambios que adaptarán o Plan Xeral á nova Lei do Solo e axustarán os usos reais do solo ás necesidades e demandas dos veciños recollidas durante o proceso previo de participación cidadá.

Tras esta publicación, ábrese mañá un período de dous meses de prazo para que os interesados revisen os documentos e presenten as alegacións que consideren adecuadas. Os planos estarán expostos na Casa Consistorial e na dependencias municipais de Curtis, así como nos locais sociais de Foxado, Paradela, Santaia e A Illana e na páxina web do Concello.

Ademais de estar a disposición dos veciños os servizos urbanísticos municipais para que obteñan máis información, consulten as súas dúbidas e reciban apoio para presentar as súas alegacións, o Goberno local manterá de novo reunións veciñais no mes de abril para informarlles e escoitar as súas propostas e suxestións. Tal e como adiantou o alcalde Javier Caínzos no último pleno, o equipo de Goberno quere que estas modificacións se manteñan "como expedientes vivos" ata a súa aprobación provisional de maneira que poidan ser aprobadas co maior consenso veciñal.

As reunións convocaranse:

Luns, día 9 de abril:

  • 12.00 horas, no local social de Paradela
  • 16.00 h., no local social de Foxado
  • 21.00 h., no Salón de Usos Múltiples de Teixeiro

Martes, día 10 de abril:

  • 12.00 h., no local social da Illana
  • 16.00 h., no local social de Santaia
  • 21.00 h., no salón de actos do Recinto Feiral de Curtis.  

Concesión de licenzas

Segundo determina a Lei do Solo, tras esta aprobación inicial suspéndese a concesión de licenzas nos ámbitos afectados por estas modificacións cando as mesmas non cumpran coa lexislación e a normativa sectorial correspondente.

Os ámbitos afectados son os solos de usos rústico, o espazo libre de Fisteus e os de Paradela, a delimitación do Plan Especial As Toxeiras, o cemiterio e a contorna de San Roque de Xabriño e os sistemas do equipamento do cemiterio de Curtis, Santaia e A Igrexa, e as zonas da rede viaria municipal afectadas os pasos a nivel executados por ADIF en Fieital, A Pena, As Pereiras, A Cabana-Vilarullo, Carroipaz-O Abelar e Teixeiro-O Abelar, así como a zoa que dá acceso a Maques de Arriba desde o polígono industrial de Teixeiro-Curtis.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.