Banner XIV premio de narracion curta concello de curtis

Xuventude abre o Espazo Emprende en Curtis onde a mocidade terá medios, formación e asesoramento para emprender

  • A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e o alcalde Javier Caínzos presentaron esta iniciativa emprazada na Casa da Xuventude.

foto XuventudeA directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, inaugurou esta mañá no Espazo Xove de Curtis (Casa da Xuventude) un novidoso espazo coworking, chamado Espazo Emprende, onde os mozos e  mozas atoparán espazos, medios, asesoramento personalizado e formación para a posta en marcha das súas ideas e proxectos empresariais.

Nesta liña, Vázquez, que estivo acompañada do alcalde Javier Caínzos, subliñou que este Espazo Emprende está encamiñado “a ofrecerlle á mocidade apoio profesionalizado tanto para a posta en marcha dos seus proxectos, como asesoramento para a constitución de empresas, acceso a financiamento e mercadotecnia ata accións formativas, de titorización e formación e coaching persoal”. E, ao fío, lembrou o “firme compromiso do Goberno galego cos novos emprendedores, que non son só o noso capital de futuro senón tamén de presente”.

Os mozos e mozas que se animen a utilizar o Espazo Emprende terán a oportunidade de impulsar e potenciar a viabilidade das súas ideas de negocio desde un primeiro momento, aínda que as accións continuadas de acompañamento que se desenvolverán lles permitirán continuar cunha dinámica de crecemento e mellora.

O alcalde, pola súa parte, animou á mocidade curtiense a inscribirse neste espazo "de xeito que poidan tamén ser protagonistas da dinamización económica e de creación de traballo na localidade", destacou. O prazo para inscribirse nesta iniciativa ábrese este mes.

Encontros con empresas

Así mesmo, ao longo do ano se organizarán encontros sectoriais para crear unha dinámica de diálogo e coñecemento entre a xuventude e os axentes económicos do territorio, en Galicia pero tamén no norte de Portugal. Así mesmo, estas relacións estableceranse coas empresas galegas e lusas co fin de reforzar o achegamento dos emprendedores novos á realidade do seus tecidos empresariais e que poidan valorizar os seus recursos e potencialidades.

O Espazo Emprende, que se inclúe na Rede Galega, enmárcanse no proxecto LIDERA, Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo (acrónimo LIDERA), que forma parte da actividade Crece para impulsar o traballo xuvenil en rede. Este proxecto foi aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP) e conta cun orzamento de 1.428.692, 93 euros cunha financiación dun 75 % de fondos Feder e unha duración de catro anos (2016-2019).

 

En la web www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso Mas información.