Banner XIV premio de narracion curta concello de curtis

O Concello de Curtis proxecta reducir o consumo de enerxía eléctrica un 30% e o seu custo económico un 55,58%

  • O proxecto, presentado ao FEDER para pedir unha subvención de 407.409 euros, foi aprobado hoxe nun Pleno extraordinario.

pleno extraordinarioO Concello de Curtis prevé reducir un 30% o consumo de enerxía eléctrica nas instalacións lumínicas exteriores municipais, así como rebaixar o seu custo económico anual un 55,58%, tal e como recolle o proxecto que presentou ao Programa Operativo FEDER de crecemento sustentable 2014-2020 co fin de solicitar unha subvención de 407.409 euros para pór en marcha as medidas necesarias. A este orzamento hai que sumarlle o 20% que asumiría o Concello como cofinanciamento.

O proxecto foi aprobado esta mañá en solitario polo equipo de Goberno, coa abstención dos edís non adscritos, nun Pleno extraordinario convocado con carácter urxente polos prazos que se fixan nas axudas. O alcalde Javier Caínzos explicou a importancia desta acción, que se acolle ás subvencións para plans singulares de entidades locais que favorezan o paso cara a unha economía baixa en carbono.

A estratexia presentada polo Goberno local, que complementou cunha auditoría do estado dos puntos de luz exteriores, prevé a renovación das actuais luminarias por outras de maior rendemento, así como por fontes de luz de maior eficiencia e por equipos electrónicos de control. O obxectivo é reducir o consumo de enerxía eléctrica polo menos un 30% e regular os niveis de iluminación segundo os diferentes horarios nocturnos e tipos de vías, axustándose ás necesidades dos cidadáns.

Control nocturno

O plan inclúe tamén regular o fluxo luminoso das luminarias municipais durante as 5 horas centrais da noite para que o seu funcionamento sexa ao 60% do fluxo nominal, o que trae asociado unha redución do consumo enerxético aproximadamente do 13% no cómputo xeral das horas. O aceso e apagado de todas as instalacións sería sempre por medio de reloxo astronómico.

Ademais dos motivos ambientais, o Concello quere diminuír considerablemente o custo para as arcas municipais, de 41.000 euros anuais en gasto enerxético e de 72.410 euros en mantemento, co fin de reducilo a máis da metade.

 

En la web www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso Mas información.