Numeracion Curtis logos

O Concello limpa unha parcela no centro urbano tras obter permiso xudicial para facelo de oficio

  • A leira atópase na Avenida Principal e o seu mal estado era un perigo ante un eventual incendio.
  • O Concello iniciou os trámites administrativos hai un ano, e tras esgotar esta vía pediu a autorización xudicial. Agora pasarase a factura ao propietario.

limpieza fincaO Concello de Curtis procedeu esta semana a rozar unha parcela particular dentro do centro urbano do pobo de Curtis despois de que tivese que recorrer a levar esta acción ante un xuíz polo caso omiso dos seus propietarios a cumprir coa súa obrigación de mantela en perfecto estado de limpeza para evitar incendios forestais.

O Goberno local pediu ao Contencioso-Administrativo autorización para entrar nesta finca, que ocupa dúas rúas e cuxo fronte dá á Avenida Principal, e poder actuar de oficio ante o continuado incumprimento da Lei dos Montes por parte do propietario e ante a situación de urxencia creada polo malestar dos veciños e polo perigo que supuña o seu mal estado tan preto das vivendas en caso dun eventual incendio.

O Concello iniciou hai un ano o trámite vía administrativa co aviso ao titular e, tras esgotar este camiño sen que propietario procedese á limpeza, remitiu o expediente ao xulgado para pedir a autorización. Unha vez obtida, procedeu a encargarlle a unha empresa de traballos forestais a roza da parcela, que quedou limpa esta semana, e agora pasaralle a factura aos propietarios.

O Goberno municipal avisa todos os anos aos veciños do municipio con parcelas nos centros urbanos e nas proximidades de vivendas, da súa obrigación de mantelas limpas, e aínda que a chamada adoita ser efectiva na maioría das ocasións, non é a primeira vez que ten que acudir aos xulgados.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.