Numeracion Curtis logos

Caínzos analiza co sector agrogandeiro impulsar o seu crecemento coa restructuración parcelaria de Santaia e Foxado

  • O alcalde de Curtis reuniuse con medio centenar de propietarios para estudar como mellorar a base territorial das súas explotacións.
  • O Goberno local aposta por dar este paso con vistas a preparar ao sector para o futuro e asentar a poboación no rural.

foto reestructuracion foxadoO alcalde de Curtis, Javier Caínzos, e o portavoz municipal, Antonio Fraga, reuníronse con máis de medio centenar de propietarios de explotacións agrarias e gandeiras do municipio para analizar a posibilidade de desenvolver a reestruturación parcelaria das parroquias de Santaia e Foxado con vistas a definir conxuntamente o futuro e desenvolvemento do medio rural.

Caínzos subliñou a importancia de pór en marcha esta reestruturación para loitar contra o abandono dos terreos, previr os incendios forestais e mellorar a base territorial das explotacións agrogandeiras, de forma que estas poidan crecer superando o actual minifundismo.

O rexedor lembrou que a pesar do forte crecemento da industria e o comercio, a economía do concello depende principalmente do desenvolvemento do sector primario, "e debemos darlle un impulso porque será o que nos permita tamén asentar a poboación no rural e atraer á xente máis nova", sostivo.

A importancia do sector agrogandeiro aumentará no municipio e a comarca coa instalación da gran planta láctea de Inleit, que prevé transformar en 2023 400.000 toneladas de leite para elaborar produtos de alto valor engadido, o que supón o 17% da produción total de Galicia, e "iso debe de ir aparellado a iniciativas como a que estamos a expor de reestruturación parcelaria así como de planificación dos usos do chan que fomenten a implantación, o desenvolvemento e o crecemento das explotacións", aclarou Javier Caínzos.

Esta reunión enmárcase nas que vén mantendo de maneira habitual o Goberno local cos veciños para ir marcando as pautas territoriais e económicas do municipio.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.