Banner XIV premio de narracion curta concello de curtis

Detectan un novo roubo e danos no campo de fútbol de Teixeiro, con perdas valoradas en 2.000 euros

  • O Goberno local condena os actos delituosos e reitera a súa petición á Garda Civil para que acelere as investigacións e aumente a vixilancia.

robo teixeiroA directiva do club de fútbol SyC Teixeiro detectou o pasado sábado un asalto ao campo de fútbol en O Carregal no que, ademais de roubar mercadoría, causaron diversas desfeitas en portas, marcos e fechaduras, perdas que se valoran en 2.000 euros.

Este roubo súmase aos dous que denunciou o club de fútbol de Curtis no campo 'Lucas Vázquez' de Bodeus, espaciados por apenas semanas, pero nos dous últimos anos xa foron máis dunha ducia os incidentes similares que sufriron as instalacións deportivas dos dous clubs.

O Goberno local condena unha vez máis de maneira enérxica estes actos delituosos e advirte do dano que se causa á economía dos clubs e ao municipio. Así, ás perdas en Teixeiro por este último feito, hai que engadir as provocadas nos dous últimos roubos no campo de Curtis xa que, segundo as denuncias presentadas pola súa directiva na Garda Civil, os danos ascenden a 1.400 euros e as perdas por roubo, a 2.350 euros, é dicir, un total de 3.750 euros. Se no primeiro dos incidentes accederon á infraestrutura saltando o muro que a rodea, no segundo forzaron a fechadura do portón e entraron cunha furgoneta, subtraendo a mercadoría.

Non é a primeira vez que o Goberno que encabeza Javier Caínzos manifesta a súa máxima preocupación por estes roubos antes a Garda Civil, á que lle volveu a reclamar un esforzo maior na investigación dos incidentes e que aumente a vixilancia dos recintos.

O Concello solicita tamén a colaboración dos veciños e veciñas para que este tipo de actuacións non se volvan a repetir.

 

En la web www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso Mas información.