Numeracion Curtis logos

Comunicado emitido polo Concello de Curtis

BululuO Concello de Curtis reclamou explicacións á compañía Bululú, contratada pola área de Cultura a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña para unha actuación de conta contos no marco da programación do Día das Letras Galegas destinado aos alumnos do CEIP Curtis e Teixeiro, porque o seu espectáculo se desenvolvese en castelán ante a sorpresa do propio Concello e do alumnado e profesorado.

O fin do Goberno local coa contratación desta obra titulada ‘Contos Bulluleiros’, celebrada o mércores, 16, así como a que se desenvolveu o luns, 14, por outra compañia, era potenciar a narración oral en galego entre os máis pequenos, como así anunciou previamente na súa web e nas redes sociais e nos seus comunicados de prensa.

En canto finalizou a actuación de Bululú, os representantes da área de Cultura fixéronlle chegar á compañía artística o malestar do Concello e a estrañeza polo que acababa de suceder e tamén pediu desculpas ao profesorado dos dous centros alí presentes, e acto seguido fíxolle chegar á empresa por escrito este malestar, informándolle, ademais, de que se enviaría un informe á Deputación da Coruña ante a irregularidade da actuación.

O Concello curtiense aclara que a compañía foi contratada a través da Rede Cultural provincial polo programa Escena ao vivo!, e que nas bases da Deputación indícase, no primeiro parágrafo, que o obxectivo desta programación é “contribuír á difusión e á promoción da música, do folclore, do teatro, da danza, do cine e das demais manifestacións artísticas na provincia, por medio do coñecemento das actividades que se están a producir neste ámbito e do seu achegamento aos nosos concellos, e fomentando ao tempo o uso e normalización social da lingua galega e a defensa dos valores da igualdade de xénero”. Para o Goberno local é inexplicable que as compañías incluídas nesta rede pola Deputación poidan desenvolver unha obra en castelán.

O Goberno local, ademais, remitirá ás directivas dos dous centros escolares de Curtis e Teixeiro así como ás ANPAS unha carta de disculpas, explicándolles o sucedido e anunciándolles as medidas que adoptou o Concello tendo en conta, ademais, que desde esta Administración local se ven facendo ano tras ano políticas de promoción do galego, tanto nas súas comunicacións oficiais como entre a poboación, e que seguirá apostanto por manter viva a lingua propia.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.