Banner XIV premio de narracion curta concello de curtis

As modificacións do PXOM recibiron 64 alegacións á clasificación do chan rústico e 155 á redución dos núcleos rurais

  • As 42 alegacións do SLG corresponden a 18 familias do municipio.
  • O Concello entende que o baixo número de alegacións responde ao alto nivel de consenso e receptividade conseguido durante os tres anos que dura xa o proceso de modificación do PXOM e á alta participación cidadá na súa elaboración.

pxom2016Unha vez finalizado o prazo de exposición pública de dous meses ás modificacións puntuais da PXOM de Curtis, presentáronse un total de 64 alegacións á modificación nº 7 para a clasificación do chan rústico, e 155 á nº 6, que busca unha redución dos núcleos rurais. En canto á modificación nº 7, das 64 suxestións entregadas, 42 son alegacións tipo do Sindicato Labrego Galego que corresponde a 18 familias do municipio.

O Goberno local valora positivamente as alegacións presentadas despois de dous meses cun ritmo moi intenso de traballo por parte do departamento de Urbanismo para atender ás numerosas persoas que se achegaron a consultar as súas dúbidas e para axudarlles a presentar as súas suxestións. Estas serán agora analizadas co máximo rigor polo equipo redactor do Plan Xeral para enriquecer o documento definitivo.

O Concello entende que o baixo número de alegacións responde ao alto nivel de consenso e receptividade conseguido durante os tres anos que dura xa o proceso da modificación do PXOM.

Neste sentido, lembra que o documento definitivo será o resultado das reunións e consultas permanentes cos veciños e propietarios iniciadas en 2015 tras detectar o Goberno local durante os procesos de participación cidadá a necesidade de cambiar o actual Plan Xeral, do ano 2007, xa que máis do 50% dos propietarios aseguraron que non tiñan previsión nin capacidade de cumprir co deber edificatorios establecidos na normativa urbanística, pero tamén se destacou a necesidade de crecemento de numerosas explotacións do sector agropecuario e forestal. Nese momento presentáronse 150 peticións, que se tiveron en conta para os cambios, que tamén se encamiñaron a adaptarse á nova Lei do Solo. Posteriormente fóronse sucedendo as reunións e as consultas en pobos e parroquias, cunha presenza veciñal altísima.

Plan Especial de Protección e Mellora do Medio Rural

A modificación do PXOM recollerá un Plan Especial de Protección e Mellora do Medio Rural co que o Goberno local quere ordenar os usos do chan, agropecuarios e forestais, e establecer claramente as súas condicións para evitar os usos indebidos e que as terras queden abandonadas xa que porá en valor todo o solo do municipio. Este plan configurarase como unha ferramenta que facilite de maneira máis áxil o asentamento e o crecemento das explotacións que necesiten ampliar a súa base territorial.

Este plan de usos, que tamén deberá obter o visto e prace do máximo organismo que é Medio Rural, cambiará e ordenará a fisionomía do concello nun prazo de catro anos xa que unha vez que se aprobe a PXOM abrirase unha moratoria durante ese tempo para a súa adaptación por parte dos propietarios. Cualqueir cambio que sexa necesario realizar despois seguirá necesitando dos informes e avaliacións de Medio Rural e dos organismos pertinentes en función de cada modificación.

Para o Goberno local, estes cambios serán claves para manter vivo o rural e coidar o sector primario xa que a economía local de Curtis depende dun 50% das explotacións gandeiras e lácteas.

En la web www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso Mas información.