Numeracion Curtis logos

Os alcaldes de Curtis e Sobrado reúnense co persoal sanitario dos centros de saúde e do PAC para escoitar as súas demandas

  • Mostraron o seu ánimo de colaboración e apoio para conseguir unha sanidade eficiente no rural.

pac teixeiroOs alcaldes de Curtis, Javier Caínzos, e Sobrado, Lisardo Santos, así como o tenente de alcalde curtiense, Antonio Fraga, reuníronse co persoal sanitario dos centros de saúde de Curtis, Teixeiro, A Castellana, Sobrado e Vilasantar, así como da PAC de Teixeiro para abordar a necesidade de reforzalos, solicitude que xa foi trasladada á Consellería de Sanidade, coa que se mantén contacto para tentar mellorar este servizo.

Os rexedores escoitaron as solicitudes do persoal sanitario, preocupados pola sobrecarga asistencial na zona, con 1.800 cidadáns maiores de 14 anos asignados ao centro de Curtis, 1.600 ao de Teixeiro e 1.500 ao de Sobrado. O 30% de usuarios superan os 65 anos no caso de Curtis e elévase ao 40% en Sobrado, polo que existe un alto número de pacientes aos que hai que asistir no seu domicilio. Esta situación, expuxeron, provoca demoras na atención nas citas aos pacientes e a ausencia prolongada dos centros sanitarios cada vez que saen ás visitas domiciliarias.

A estes problemas súmase o aumento da poboación no verán, a distancia ao centro hospitalario de referencia, de 40 quilómetros no caso de Curtis, e que non se cobren as baixas. Concretamente, segundo denunciou o persoal sanitario, non se contratou persoal de substitución para o centro de Sobrado.

Os alcaldes comprometéronse a seguir solicitando a Sanidade as melloras necesarias para que os centros de saúde e a PAC cumpran co seu labor de garantir unha asistencia sanitaria permanente e ininterrompida. Javier Caínzos lembrou as numerosas reunións mantidas con responsables de Sanidade en anos anteriores co fin de conseguir unha mellor organización deste servizo en aras dunha óptima atención aos usuarios.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.