Numeracion Curtis logos

O 50% das usuarias do CIM Curtis participaron no Servizo de Terapia Ocupacional para vítimas de violencia de xénero, pioneiro en Galicia

  • O servizo, implantado pola área de Igualdade do Concello curtiense hai un ano, busca que as vítimas recuperen o control das súas vidas.

CIMAo redor do 50% das usuarias do Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Curtis utilizaron ou utilizan o Servizo de Terapia Ocupacional para vítimas de violencia de xénero, servizo pioneiro en Galicia que a área de Igualdade do Concello de Curtis implantou hai un ano co obxectivo de dar resposta aos problemas derivados da perda de vínculos sociais e afectivos que sofren estas mulleres.

Este servizo incorporouse ás actuacións que desenvolve o CIM no marco do IV Plan de Igualdade de Oportunidades do Concello curtiense, que potencia, entre outras áreas, a intervención directa nos casos de violencia de xénero, entendendo a recuperación das mulleres como un proceso longo, tamén de acompañamento e orientación cara a unha vida autónoma e independente, así como na prevención e sensibilización.

A través da terapia ocupacional, as técnicas do CIM buscan romper o illamento ao que foron sometidas as vítimas de violencia de xénero e ofrecerlles ferramentas para achegarlles forza, seguridade e autoestima e que volvan crear nexos e lazos sociais a través da ocupación. "Os seres humanos somos seres ocupacionais e é por iso que as tarefas son clave para o equilibrio destas mulleres e para que poidan mellorar o seu estado de saúde", sostén Natalia Vázquez, directora do CIM de Curtis.

Para iso, ademais de tratamentos individualizados, nos que se informa e encamiña sobre os recursos existentes a disposición das mulleres en función das súas necesidades, tamén se organizan accións en grupo como son terapias, talleres de comunicación, autoestima, intelixencia emocional e risoterapia, así como actividades físicas. Trátase de fomentar a participación social das mulleres.

Gañar en seguridade e perder o medo

Entre as que se realizarán en breve tamén se inclúen, como iniciativa pioneira, cursos de vela xa que se consideran unha boa ferramenta para traballar en equipo e empoderar ás mulleres. "Manexar o temón dun barco é como retomar o control das súas vidas, é un símil. O que tentamos é que estas mulleres, que viron alteradas as súas ocupacións diarias e o seu equilibrio emocional e ocupacional, gañen en seguridade e perdan o medo a relacionarse cos demais e a volver participar no conxunto da sociedade", aclara Natalia Vázquez.

Entre os resultados destas terapias, Vázquez destaca a creación de redes de apoio entre as propias mulleres vítimas da violencia de xénero e o aumento da súa participación social, así como a unha predisposición maior de novo á inserción laboral e a fomentar os seus momentos de lecer e tempo libre.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.