Numeracion Curtis logos

Caínzos recolle o recoñecemento ás políticas innovadores na loita contra a violencia machista nun acto presidido pola ministra de Igualdade e o presidente da FEMP

  • Agradeceu o galardón de Boas Prácticas, o segundo que recibe, e insistiu na necesidade de seguir traballando e educando para alcanzar a igualdade.
  • O proxecto distinguido foi o servizo de terapia asistida con animais para a atención a menores expostos a situacións de violencia de xénero.

Foto Premio Violencia MachistaO alcalde de Curtis, Javier Caínzos, agradeceu o segundo recoñecemento que recibe o Concello curtiense ás políticas innovadoras na loita contra a violencia de xénero, pero insistiu en en que hai que seguir "traballando e educando desde todas as institucións, en unidade, para conseguir a desexada igualdade das mulleres". O galardón, unha mención honorífica, foi outorgado pola posta en marcha do servizo de terapia asistida con animais para a atención a menores expostos a situacións de violencia de xénero.

O municipio foi o único de Galicia que foi distinguido nos VI Premios ás Boas Prácticas Locais pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Goberno central. O xurado destacou a calidade desa acción, "que entendemos poderá resultar de gran interese para outras entidades pola súa eficacia, o seu carácter innovador e as posibilidades que ofrece para ser aplicada noutros contextos".

Caínzos, que estivo acompañado pola directora do CIM Curtis, Natalia Vázquez, recibiu o recoñecemento nun acto presidido pola vicepresidenta do Goberno e ministra de Igualdade, Carmen Calvo, e o presidente da FEMP, Abel Caballero.

O rexedor destacou os bos resultados do servizo de terapia con cans adestrados, co que se quere axudar a mellorar a calidade de vida dos máis pequenos a través da súa recuperación psico-social, axudándolles a xestionar as súas propias emocións e buscado un equilibrio emocional que repercuta directamente na súa saúde.

Ademais, Caínzos agradeceu a implicación das institucións neste proxecto, así como ao persoal do concello, que "fai posible o desenvolvemento e a eficacia das políticas que implantamos e os proxectos que desenvolvemos".

Este galardón é o segundo consecutivo que gaña a área de Igualdade curtiense xa que na edición do ano pasado foi premiada pola posta en marcha do "Protocolo de actuación contra a violencia de xénero". Curtis foi o primeiro municipio que o activou en Galicia.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.