O Concello curtiense desTAPA os seus sabores para dinamizar a hostalaría na Ponte da Constitución
- Unha vintena de locais de Curtis e Teixeiro ofrecen bocados cos mellores produtos locais na 'II Ruta DesTAPAte Concello de Curtis'..
A área de Promoción Económica do Concello de Curtis impulsará por segundo ano consecutivo a gastronomía do municipio durante a Ponte da Constitución a través da 'II Ruta DesTAPAte', na que participan unha vintena de bares e restaurantes.
O Goberno local pretende aproveitar os días festivos da próxima semana para dinamizar a hostalaría, aproveitando, ademais, que o día 9, domingo, coincide coa celebración da Feira Comarcal de Curtis.
Unha vintena de locais de Curtis e Teixeiro súmanse a esta iniciativa ofrecendo tapas e bocados tradicionais cos mellores produtos, entre os que a nabiza e o queixo de Curtis non faltarán.
O Goberno local xa puxo en marcha en ocasións anteriores rutas de tapas, pero o ano pasado decidiu darlle un novo impulso coa denominación 'DesTAPAte Concello de Curtis', coa que quere animar tanto aos veciños como aos visitantes a redescubrir os sabores do municipio.