Banner XIV premio de narracion curta concello de curtis

Medio Ambiente comprométese con Curtis a mobilizar 1,4 millóns para prever e paliar os danos causados polo lobo e xabaril

  • A conselleira mantivo unha reunión a petición dos rexedores de Curtis, Aranga, Sobrado e Toques para falar do impacto dos ataques de lobos e xabarís

reunions sobre loboA Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destinará o vindeiro ano máis de 1,4 millóns de euros a medidas que axuden a paliar e prever os danos ocasionados polo lobo e xabaril. Este foi o compromiso que adquiriu na reunión cos rexedores de Curtis, Javier Caínzos, Aranga, Alberto Platas; Sobrado, Lisardo Santos, e Toques, Miguel Ángel Buján.

Os rexedores trasladaron na reunión os elevados danos na cabana gandeira que sofren as explotacions día a día nos últimos anos polo ataque dos lobos, pero tamén as cuantiosas perdas causadas polo xabarín nos cultivos e prados dos veciños adicados ao sector primario. A fauna silvestre utiliza como refuxio zonas próximas a Cova da Serpe, que discorre o longo dos catro concelllos, sendo a zona onde o lobo mellor se desenvolve e cría.

Ante esta demanda, a conselleira anuncioulles que no ano 2019 o seu departamento habilitará unha partida de 1,4 millóns de euros que permitirá sacar unha nova liña de axudas por danos causados polo xabaril (dotada con 800.000 euros) e o lobo (350.000 euros); así como outra orde de prevención ante a fauna silvestre (dotada con 300.000 euros).

A modo de exemplo, a titular de Medio Ambiente explicou que para reducir a presión do xabaril e como medida de control da poboación desta especie, a Xunta ten autorizado batidas fóra dos períodos hábiles establecidos, sen que en ningún caso estas medidas poñan en perigo ou supoñan unha ameaza para o seu futuro.

Batidas autorizadas

Neste sentido, engadiu que as batidas autorizadas aos tecores responden sempre a solicitudes previas formuladas por particulares ou institucións tras constatar danos provocados pola presencia destes animais salvaxes en determinadas zonas.

Os rexedores incidiron na necesidade de autorizar batidas para controlar o lobo polo aumento dos danos e a alarma que está supoñendo na poboacion do rural nesta comarca do interior da provincia da Coruña.

En la web www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso Mas información.